DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesorado aprenderá a usar as contornas virtuais como complemento á docencia

O curso, de carácter semipresencial, desenvolverase dende o 22 de abril ata o 22 de maio

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 30/03/2009

Sen dúbida as novas tecnoloxías facilitan o labor dos docentes pero, ás veces, a falta de coñecemento fai que non se empreguen as vantaxes que estes sistemas ofrecen. Por iso e co obxectivo de facilitar ao profesorado pautas de comportamento para levar a cabo o seu traballo a través dun sistema virtual, a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa oferta o curso semipresencial Contornos virtuais como soporte ao proceso docente que se impartirá dende o 22 de abril ata 22 de maio no campus. Entre os seus obxectivos atópanse o de preparar ao profesorado para adaptarse ao EEES, xa que neste novo marco a docencia semipresencial será algo habitual, polo que o curso tentará aclarar as dúbidas máis frecuentes e ensinar aos participantes a elaborar materiais e contidos axeitados para o ensino a través de plataformas virtuais.
O curso que será impartido por Albert Sangrà e Lourdes Guàrdia, ambos profesores da Universitat Oberta de Catalunya (UOC), estará divido en dous seminarios, un de carácter virtual cun mes de duración, dende o 23 de abril ao 20 de maio, e outro presencial de tres sesións de catro horas que terán lugar o 21 e 22 de maio.
Aqueles que desexen matricularse poderán facelo a través da Área de Posgrao Virtual ata o 21 de abril. No tocante á asistencia, os participantes que acudan polo menos a seis sesións completas das sete que ten o curso e participen de xeito activo na parte virtual recibirán un certificado expedido pola Universidade de Vigo.

Docencia virtual ou presencial?

Ademais de orientar ao profesorado sobre o mellor xeito de impartir as clases a través de plataformas virtuais, este curso tamén se presenta como un espazo para o debate e a reflexión sobre as principais dúbidas do profesorado no emprego das novas tecnoloxías nas aulas.
O curso, que dará comezo o 22 de abril cunha sesión de presentación realizada polos profesores da UOC a través de videoconferencia, está dividido en dous bloques complementarios, un de carácter virtual e outro presencial.
O seminario de carácter virtual desenvolverase ao longo dun mes a través da plataforma FaiTIC, co obxectivo de afondar nas diferencias básicas que existen entre os dous tipos de docencia partindo da reflexión sobre os cambios e o debate a través de exemplos prácticos. A metodoloxía de traballo basearase en material de lectura e a realización de actividades prácticas que serán moderadas e avaliadas polos titores. Grazas a esta experiencia, os participantes ademais de aprender poderán compartir un espazo común de discusión e intercambio de ideas.
O segundo bloque formativo, de carácter presencial e cunha duración de 12 horas, consistirá en tres sesións de análise de casos e resolución de problemas vinculados a situacións reais na docencia semipresencial. Este apartado do curso será eminentemente participativo, tratando de adaptarse ás inquedanzas do profesorado. Os docentes explicarán como deseñar un curso en liña e a creación de contido e tentarán que os participantes adquiran as habilidades precisas para realizar accións formativas complementarias á presencialidade.