DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Anxel Huete, Chelo Matesanz e Javier Tudela participan na terceira edición de 'Ex Profeso'

Profesorado de Belas Artes protagoniza a última exposición da Sala X

Mar Caldas coordina un proxecto artístico que pretende achegarlle á sociedade o traballo destes doce

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 13/09/2013

A Sala X da Facultade de Belas Artes ábrelle as portas ao profesorado do centro na súa última exposición, Ex Proceso 3. Mar Caldas coordina a terceira edición dunha mostra que naceu no 2009, da man de Xosé Manuel Buxán, co obxecto de achegar a práctica artística desenvolvida polos docentes á súa contorna máis próxima. As obras de Ánxel Huete, Chelo Matesanz e Javier Tudela convértense nesta ocasión “na ferramenta que permite aproveitar un espazo expositivo emprazado na propia facultade e que ata o de agora non lle prestou a suficiente atención aos seus docentes e investigadores”, explica a responsable da mostra e mais da sala de exposicións.

Mar Caldas xustifica a importancia dunha iniciativa destas características ao entender necesario “amosarlle á sociedade o inmenso capital artístico co que contamos no centro ao tempo de que interiorizamos a importancia de polo en valor ante a sociedade”. A maiores, a través de Ex Profeso 3 o alumando da facultade tamén ten a posibilidade de coñecer de primeira man o traballo práctico dos seus docentes “converténdose nun apoio á formación artística que están a recibir nas aulas”, asegura a súa coordinadora.

Nesta terceira edición, a primeira que coordina Caldas, os profesores e artistas Ánxel Huete, Chelo Matesanz e Javier Tudela amosan unha escolma da súa produción na que convidan ao visitante a extraer diferentes lecturas segundo a distancia ou o punto de vista e a desprazarse polo espazo para completar a obra. Segundo a coordinadora, Huete, Matesanz e Tudela propóñenlle ao público “un gozo intelixente a través de xogos perceptivos que experimentan coas escalas e se deslizan entre o que se ve e o que permanece oculto, entre o que se amosa e o que se vela, entre a ilusión e a realidade”.

Tres propostas diferentes pero vinculadas entre si

Os traballos escollidos para esta exposición “son representativos dos seus respectivos percorridos e pescudas estéticas e, aínda que nunha primeira ollada non se perciba estas pezas compleméntanse entre si, estou segura de que o público poderá atopar nexos entre eles en varios sentidos”, comenta Mar Caldas. Tanto Ánxel Huete, Chelo Matesanz como Javier Tudela “teñen explorado as fisuras nas convencións das disciplinas pictórica e escultórica ao tempo que teñen dilatado os seus límites: a ambivalencia entre a figuración e a abstracción, os territorios fronteirizos á pintura, o uso de materias, técnicas e procedementos non convencionais ou a incorporación do proceso de construción na propia obra”, relata Caldas.

Ex Profeso 3 foi presentada en sociedade nun acto no que participaron ademais dos tres artistas, Ánxel Huete, Chelo Matesanz e Javier Tudela, e a coordinadora da mostra, Mar Caldas; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, e o decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana.

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro mércores 23 de outubro na Sala X da Facultade de Belas Artes.