DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade terá lugar os días 12 e 13 de decembro no campus de Vigo

O profesorado buscará nun curso novas ideas para incorporar as cuestións de xénero ás clases

A docencia correrá a cargo da secretaria da Rede Feminista de Dereito Constitucional

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
DUVI 31/10/2019

Novas ideas para introducir nas clases e nos laboratorios as cuestións relacionadas coa igualdade, isto é o que ofrece o curso Incorporación do xénero na docencia universitaria e na transferencia de coñecemento, unha actividade coorganizada pola Vicerreitoría de Investigación e a Área de Formación e Innovación Educativa e que se insire dentro do Programa de Formación Permanente do PDI da Universidade de Vigo para o ano 2019.

Os principais obxectivos deste curso, todos eles destinados a unha mellora do concepto de igualdade entre mulleres e homes, son, entre outros, incorporar  a perspectiva de xénero na docencia universitaria, reflexionar sobre as potencialidades de xénero, identificar rumbos de xénero na docencia universitaria, reflexionar sobre o currículo oculto e a cegueira de xénero...  A cita será no campus de Vigo os días 12 e 13 de decembro en horario de 10.00 a 14.00 horas e o prazo para matricularse manterase aberto ata o vindeiro día 10 de decembro. Neste sentido dende a organización destacan que se ben a actividade está destinada ao PDI da Universidade no caso de que quedasen prazas libres dispoñibles poderán inscribirse tamén outras persoas interesadas neste tipo de formación.

Oito horas de formación teórica e tamén práctica

A formación correrá a cargo da avogada María Concepción Torres, profesora de Dereito Constitucional na Universidade de Alacante e na UNED onde imparte clases nun mestrado e en diferentes cursos sobre malos tratos e violencia de xénero, actividades docentes que compatibiliza con outros cargos como o de secretaria da Rede Feminista de Dereito Constitucional.

O programa do curso que se vai impartir no campus de Vigo, de oito horas de duración, consta de catro puntos. O primeiro abordará o tema da perspectiva de xénero na docencia universitaria; o segundo, a aproximación normativa e conceptual, e o terceiro, a implantación da perspectiva de xénero como estratexia metodolóxica na docencia e transferencia de coñecementos. Unha vez impartidos estas cuestións, de carácter máis teórico, a actividade rematará con unha proposta práctica na que o profesorado asistente deberá ser capaz de elaborar unha guía docente, unha unidade didáctica e organizar unha clase práctica e/ou sesión formativa na aula, todas elas dende a perspectiva de xénero.