DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Obradoiro de creación de páxinas web persoais

O profesorado descubrirá as posibilidades de Internet para a difusión de contidos docentes

A matrícula remata o vindeiro día 3 de xullo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 26/06/2009

A rede multiplica as posibilidades para que o profesorado siga de preto o traballo do seu alumnado e poña a súa disposición a maior cantidade de recursos posibles para ampliar os contidos ofrecidos nas clases. É por iso que non está de máis que os docentes coñezan o amplo abano de ferramentas que se poden aplicar. Para descubrilas a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organiza o Curso obradoiro de creación de páxinas web persoais que se impartirá no campus a partir do vindeiro 7 de xullo.
Con esta actividade preténdese que o profesorado estea capacitado para crear páxinas webs que inclúan contidos relacionados coa docencia, investigacións ou información xeral. Segundo explica o profesor, José Luís Martínez Orge, “as sesións serán eminentemente prácticas, partindo duns básicos coñecementos teóricos”. O obxectivo, sinala, é que “acaden os coñecementos esenciais para que despois poidan amplialos”. De feito, está previsto que nos vindeiros meses se convoque unha edición máis avanzada “con máis contidos de programación para elaborar páxinas e sistemas máis sofisticados”. De momento, e para esta edición, ao alumnado non se lle esixe coñecementos previos nin de programación nin de contidos.

As ferramentas precisas

O programa do curso contempla aspectos como un capítulo de introdución a Internet e os protocolos de transferencia de arquivos, conceptos básicos de maquetación e de linguaxe HTML e a estruturación e navegación por unha páxina. Ao mesmo tempo o estudantado aprenderá a solicitar e configurar unha conta web e adquirirá as nocións precisas para saber de que xeito se pode acceder a esa conta vía FTP.
Ademais do achegamento ás ferramentas precisas para a publicación de apuntes ou traballos de investigación na rede, o curso non descoidará o aspecto do deseño, para que o resultado final sexa “esteticamente aceptable”, e ofrecerá as nocións básicas do funcionamento de Dreamweaver. Debido ao carácter dinámico dos contidos destas páxinas –que evolucionarán ao mesmo tempo que o curso- tamén se amosará como poder manter as páxinas e a información asociada ás mesmas, así como a súa posterior publicación en buscadores.

Matrícula a través da plataforma Bubela

O curso insírese dentro das accións organizadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa da Universidade. A matrícula pode realizarse ata o vindeiro 3 de xullo a través de Bubela ou ata que se cubran as 20 prazas ofertadas. As sesións celebraranse os días 6, 7, 8, 9, 10, 13, 14, 15, 16 e 17 en horario de 10.00 a 12.00 horas na Aula de informática I da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Aqueles que asistan a oito das dez sesións que conforman o curso recibirán unha acreditación da Universidade.