DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Só nove profesores, todos con cargos de xestión, imparten menos de 30 horas de clase

O profesorado da Universidade dedica polo menos 37,5 horas semanais a tarefas de docencia, investigación e xestión

Dende o equipo de goberno destacan a importancia da tarefa investigadora

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 14/03/2012
O profesorado da Universidade de Vigo dedica polo menos 37,5 horas semanais a tarefas de docencia, investigación, transferencia de coñecemento e xestión, o que supón máis de 1700 horas ao ano. Segundo os datos facilitados pola Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado, dos 1854 profesores que, con distinta dedicación en función do seu contrato ou nomeamento, imparten docencia na Universidade de Vigo só nove teñen unha docencia inferior a 30 horas e, deses nove, catro son vicerreitores e outros catro teñen cargos de relevancia en xestión académica.

Coa mirada posta nun sistema que permita rexistrar o conxunto de tarefas que realiza o profesorado universitario, o equipo de goberno da Universidade fai fincapé na importancia de sacar á luz e clarificar todo este conxunto de actividades, é dicir, “que quede patente que a xornada laboral dun profesor inclúe docencia presencial, titorías, docencia non presencial, investigación, transferencia e tamén xestión”, subliña a vicerreitora Margarita Estévez.

Aposta por unha Universidade non só docente, senón tamén investigadora

No ano 2005 a Universidade de Vigo puxo en marcha unha convocatoria anual de Plan de Promoción, onde se contempla un número de prazas que cada ano se revisa en función das dispoñibilidades orzamentarias. Estas prazas están destinadas a ir progresivamente consolidando aos investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal para que así, cando rematen os seus contratos, ben financiados polo Ministerio de Educación ou pola Xunta de Galicia, “se teñen méritos suficientes e sempre nun proceso de concorrencia competitiva poidan chegar a estabilizarse na Universidade”, subliña a vicerreitora, que insiste en que se trata de “consolidar ao persoal investigador de calidade contrastada”.

En relación co Plan de Promoción, dende o equipo de goberno sublíñase que se vai seguir apostando por unha universidade non só docente, senón tamén investigadora, xa que é “a través da produción de investigación e da transferencia de coñecemento como se acada visibilidade internacional e recursos externos”.