DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Axudarán á institución no eido da creación e das artes visuais contemporáneas

As profesoras Almudena Fernández Fariña e Mar Caldas, novas asesoras do Consello da Cultura Galega

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 16/11/2012

As profesoras da Facultade de Belas Artes, Almudena Fernández Fariña e Mar Caldas, acaban de ser nomeadas asesoras do Consello da Cultura Galega en materia de creación e arte visual contemporánea, alongando a lista do profesorado da Universidade que ostenta esta responsabilidade noutras seccións do organismo cultural. “Alégranos colaborar cunha institución de recoñecido prestixio en Galicia, que se preocupa por procurar a igualdade de xénero e grazas a cal imos traballar cun equipo de persoas moi válidas cunha extensa experiencia no campo da arte das que, con certeza, recibiremos achegas que repercutirán na nosa actividade na Universidade”, explican as dúas docentes.

Foi a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega quen nomeou a Mar Caldas e a Almudena Fernández Fariña como membros da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas “por proposta da súa coordinadora, María Luisa Sobrino Manzanarez”, aclaran as dúas profesoras cunha dilatada experiencia no eido docente e da práctica artística, motivo polo cal foron escollidas para formar parte da institución cultural. “Coido que valoraron o noso perfil como artistas e como profesoras e investigadoras, o que nos implica estar en contacto coas novas achegas e presentes no debate actual, coñecer o pulso das novas xeracións que xorden da Facultade de Belas Artes e ter unha visión próxima das necesidades dos creadores e creadoras para a súa integración no campo cultural galego”, describen as dúas profesoras, firmes defensoras e promotoras de novos e novas artistas.

Transferencia da Universidade á sociedade

Aínda que o nomeamento é a título persoal, cren que esta nova responsabilidade terá repercusións positivas para a facultade na que imparten clase “pois constituiremos unha vía de transmisión do coñecemento xerado na Universidade ao tecido sociocultural”, reflexionan. Entre as competencias da sección para a que colaboran están a de orientar e reflexionar sobre a creación e a artes visuais en Galicia “para facer accesible a toda a cidadanía galega os produtos máis valiosos tanto da nosa cultura e proxectala no exterior", ademais de promover actuacións tales como conferencias, congresos, seminarios, exposicións, realización de informes, estudos e publicacións, “así como todo tipo de asesoramento aos poderes públicos da comunidade autónoma para promover a creación nas artes visuais”.