DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha mostra inaugurada onte no Pazo da Cultura, que permanecerá aberta ata o 4 de xullo

As profesoras Cristina Varela e Silvia García reúnen as "singularidades" e tendencias da moda galega dos 80

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 09/04/2010

“A liberdade creativa, a conexión co exterior e o contaxio entre diferentes territorios e disciplinas creativas como as artes plásticas ou a música” son algunhas singularidades da moda galega dos 80. Así o explica Cristina Varela, comisaria, xunto con Silvia García, da exposición Os 80. Moda en Galicia. Singularidades, inaugurada onte no Pazo da Cultura e que poderá verse ata o 4 de xullo.
As dúas son doutoras en Belas Artes pola Universidade de Vigo, profesoras de Esdemga e integrantes do grupo de investigación Dx7. Foi no seo deste labor docente e investigador onde se xerou esta mostra, a partir da tese de doutoramento de Cristina Varela e no contexto dun estudo máis amplo ao redor das manifestacións culturais menos estudadas daquel decenio.
Singularidades tenta ser o retrato dun período que propiciou a proxección internacional da moda galega, co lanzamento de Galicia Moda a iniciativa do publicista Luis Carballo. “Foi un paraugas para todos, que favoreceu a visibilización tanto dos que estaban dentro como doutros deseñadores emerxentes, construíndo unha identidade de país-moda”, segundo Cristina Varela.
Os 80 supuxeron tamén a integración do sector no ámbito creativo. “Foi fundamental o salto que se deu da simple manufactura á consideración da prenda como posibilidade creativa”, comenta Cristina Varela ao respecto.

Máis de 50 estilismos que reflicten unha realidade plural

Na exposición pódense contemplar máis de cincuenta estilismos de diferentes empresas e deseñadores. Reflicten unha realidade plural e as tendencias clave da época. Unha delas foi a recuperación de tecidos naturais como o liño, que popularizou o lema “la arruga es bella”, con representantes como Roberto Verino e Adolfo Domínguez.
Tamén se poden observar propostas máis escenográficas e barrocas, que modificaron a silueta con ombreiras e que puxeron de moda os brillos, as cores flúor ou os estampados imposibles. É o caso de Luis Fortes, cuns deseños vangardistas ligados á noite e á escena, ou de Gene Cabaleiro, coa súa arriscada proposta de moda masculina.
Sobresaen, ademais, as novidosas prendas de punto de María Moreira, as propostas en pel de Olga Ríos e Estrella G, os traballos de firmas como Caramelo, Florentino ou Toypes e as creacións máis na liña da alta costura de Purificación García.
Silvia García sinalou as dificultades para reunir as diferentes pezas, “posto que o ritmo da industria provocou que moitas marcas non gardaran a roupa”.

Audiovisuais con información complementaria

Ademais das prendas expostas, na mostra poden verse varios audiovisuais. O primeiro deles presenta entrevistas cos protagonistas da moda galega dos 80. Outro é unha proxección do desfile Luada. Secret Strike da artista Alicia Framis fai un percorrido polas fábricas de Inditex. E Periféricos, de Tamara Blanco, Xosé A.F. Holgado e Carlos Méndez, relata a ‘Movida’ viguesa. Na opinión de Silvia García, “estes vídeos retratan ben a época e fan que a exposición teña varios percorridos posibles, que requiren deterse para analizar o seu contido”.
Pode tamén consultarse diversa documentación gráfica, que inclúe as revistas Galicia Moda, Tintimán ou Escrita, dosieres e recortes de prensa, cadernos de debuxo dos deseñadores, etc.