DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xa están dispoñibles na rede 160 imaxes

Profesores de CCSS e da Comunicación documentan e catalogan os letreiros tradicionais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 16/01/2009

Pasamos todos os días por diante deles, poida que varias veces na mesma xornada, pero apenas percibimos a súa importancia. Son os letreiros comerciais e publicitarios que aínda quedan en moitas rúas da provincia e agochan lembranzas e pequenas historias que sobreviven á globalización comercial e inmobiliaria. Para evitar a súa caída no esquecemento, un grupo de profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, dirixido por Jorge Lens, embarcouse no proxecto Tipografía rexional para traballar na súa documentación e catalogación. O estudo Pacheco, La Metalúrgica, a Panificadora ou conserveiras como Alfageme ou Miau xa están recollidas neste traballo.
O grupo repartiuse diferentes zonas da provincia e creou un fondo dunhas cincocentas fotografías que logo foron filtrando “por criterios de antigüidade, estética, deseño ou tipografía” ata chegar ás 160 que nestes momentos están dispoñibles na rede. Pero a idea tomou forza e aínda que a o proxecto en colaboración coa cátedra finalizou o pasado decembro, teñen a intención de mantelo activo, sobre todo porque “hai moita xente que quere colaborar desinteresadamente”, segundo comenta Lens, e dá conta doutros moitos rótulos no resto da provincia.

Un proxecto da Cátedra Filgueira Valverde

O proxecto naceu ao amparo da Cátedra Filgueira Valverde, que ten como finalidade o fomento da actividade cultural e investigadora no campus de Pontevedra, e trata de recuperar e catalogar rótulos tradicionais da provincia. Aínda que xurdiu baixo o título, Anacos de historia: proxecto de recuperación, documentación e catalogación dos letreiros comerciais e publicitarios de tipo tradicional da provincia de Pontevedra, co tempo decidiuse cambialo por Tipografía rexional, un dos rótulos fotografados e unha denominación máis doada para a súa difusión en Flick, un servizo para publicar, organizar e compartir fotos en liña. No proxecto participan, ademais do propio Jorge Lens, os profesores Alberto Dafonte, Carlos Soutelo, Jesús Pérez Seoane, Paulino Pérez, Xaime Fandiño e Fortunato Rodríguez.
Lens non descarta a elaboración dun catálogo sobre o proxecto se se presenta esa oportunidade polo “rango académico” que achegaría ao traballo pero considera que Internet é agora o medio idóneo para conseguir “a máxima difusión posible”. Un medio que ademais permitiu descubrir que é un tema “que apaioxoa a moitos, non é só unha tolería dun grupo de profesores, porque está no imaxinario colectivo de todos”.

Lugo, Ourense, Oporto... próximos destinos

Cando falamos de patrimonio histórico, as ideas voan ás grandes obras e monumentos, sen embargo, un pequeno detalle, normalmente desapercibido, agocha, como apunta Lens “as historias da xente, porque son máis cercanos e cando se coloca un rótulo novo, parte de esa historia pérdese”.
Nesta cruzada contra o paso do tempo Lens promete máis. Nos próximos meses a galería completarase con novas fotografías doutros rótulos do norte de Portugal, onde Lens xa traballa nun proxecto persoal en Oporto, e do resto de provincias galegas. “Lugo e Ourense non viviron tanta especulación inmobiliaria e manteñen máis rótulos tradicionais”, apunta. O grupo tamén valora a posibilidade de completar a recollida nas cidades que compoñen o Eixo Atlántico.