DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase en Vigo do 8 ao 10 de abril coincidindo coa Copa do Rei

Profesores de Ciencias da Educación e do Deporte coorganizan o III Congreso Internacional de Balonmano

Profesionais de primeiro nivel como o ex-porteiro David Barrufet participarán no encontro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 11/03/2011

Durante tres días, a cidade de Vigo transformarase na sede oficial do balonmán coa celebración do III Congreso Internacional de Balonmano que coincide ademais coa disputa da Copa do Rei, “un caso excepcional que permite fusionar investigación e xogo que é a realidade coa que se enfrontan os técnicos en cada partido”, comenta José María Cancela, profesor de Ciencias da Educación e do Deporte e secretario do comité organizador. A Casa do Deporte de Vigo e o Pavillón das Travesas acollerán do 8 ao 10 de abril estes dous eventos, que terán aberta a matrícula ata o día antes da inauguración, incluíndo con ela un bono para asistir a todos os partidos da copa.

As xornadas, froito dun convenio de colaboración entre as universidades de Vigo e da Coruña e a Federación Galega de Balonmán, teñen como obxectivo principal difundir o coñecemento deste deporte desde varias perspectivas: investigación, docencia, adestramento ou formación “creando un lugar de encontro e intercambio que axude ao desenvolvemento profesional dos técnicos”, subliña Cancela. Este ano, grazas a simultaneidade da celebración do congreso e da Copa do Rei permitirá “unha maior visualización da teoría na práctica”.

Celebración de obradoiros de formación

Un total de dez intervencións, entre conferencias e mesas redondas, cobren a oferta máis teórica achegando unha visión completa e xeral “desde as diferentes perspectivas do deporte colectivo que é”. De toda a programación destaca o relatorio de David Barrufet, “un dos mellores porteiros do mundo que se retirou hai un mes e que falará da formación profesional que o levou ao éxito”. O congreso compleméntase con outra novidade como é a organización de tres obradoiros prácticos durante os tres días, La Planificación del proceso de entrenamiento en el balonmano no profesional, El control y seguimiento de jugadores e Scouting, aplicación y adaptación según nivel de exigencia, “este último moi demandado porque a visualización de vídeos é transcendental para a formación”. Trátase, en definitiva, de que os participantes se formen e “poidan ver e desenvolver técnicas que utilizan os primeiros equipos á hora de dirixir, planificar, compor ou seleccionar, pondo á disposición dos interesados información privilexiada que non sempre é pública”, aclara o docente.

Mundial 2013

Outra sección que se incorpora nesta terceira edición é a análise deportiva dos encontros disputados na Copa do Rei por parte do propio profesor Cancela e do presidente do comité organizador e docente da Universidade da Coruña, Juan Fernández. A conferencia de clausura correrá a cargo do presidente da Real Federación Española, Juan de Dios Román, que versará sobre o Mundial 2013, no que España exercerá de anfitrioa. “Será interesante afondar en como se preparará o país para organizar esta competición e se a selección está preparada para poder quedar entre os tres primeiros”.

Como destaca o profesor Cancela, o III Congreso Internacional de Balonmán supón ademais “un esforzo para que este deporte se consolide como tal, que a sociedade perciba que existen máis prácticas deportivas que o fútbol”. Son unhas xornadas de interese para o público en xeral, pero en especial para os estudantes de Ciencias de Educación e do Deporte pois “contribúen a achegalos á realidade do balonmán e que poidan comprobar de primeira man que todo o que se aprende non é aplicable ao 100% e poidan gozar dunha formación complementaria máis aló do horario de clases”. Con prazas limitadas, a inscrición debe facerse online na páxina www.aebm.com e a documentación debe mandarse por fax ao 981 167 048 ou ben ao correo electrónico 3congresobalonmano@gmail.com antes do 8 de abril.

Programa do III Congreso Internacional de Balonmano (300 kb)