DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Interviron nos actos conmemorativos da Universidade polo Día Internacional da Muller

Profesores de Ciencias Sociais reclaman igualdade de xénero na integración laboral dos titulados en comunicación

Completou o programa a proxección do documental "Bata por fóra (muller por dentro)"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 09/03/2010

Os actos organizados pola Área de Igualdade para conmemorar o Día Internacional da Muller (8 de marzo) trasladáronse hoxe ao campus de Pontevedra, en particular á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, para abordar o tema da muller e a comunicación. Catro profesores deste centro –Anna Amorós, Montserrat Vázquez, Cristina Caruncho e Xesús Laxe– quixeron denunciar como os estereotipos de xénero que perduran na sociedade se trasladan ao eido concreto da comunicación, producíndose unha situación paradoxal, pois, mentres que o alumnado das titulacións deste ámbito é maioritariamente feminino, o mercado laboral reflicte unha maior acollida dos titulados varóns. O programa de actividades completouse coa proxección da curtametraxe documental Bata por fóra (muller por dentro) coa presenza da autora, Claudia Brenlla, e a inauguración de xeito paralelo dunha exposición en torno a esta prenda tan popular entre as mulleres galegas.
Colaboraron na organización destas actividades a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, as vicerreitorías dos campus de Pontevedra e Ourense, a Biblioteca Universitaria e o Gabinete Técnico Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

Titulacións eminentemente femininas

En Galicia existen titulacións propias de comunicación nas tres universidades, Xornalismo na de Santiago, Comunicación Audiovisual nas tres e Publicidade e Relacións Públicas na de Vigo. Neste sentido, a profesora Anna Amorós, especializada en cinema, quixo destacar que todas elas “son carreiras eminentemente femininas”. No caso concreto das licenciaturas existentes no campus pontevedrés, indicou que o 80% dos matriculados en Publicidade e Relacións Públicas e 75% dos de Comunicación Audiovisual son mulleres. “Isto significa que nas aulas por cada home hai tres mulleres”, subliñou, polo que se cuestionou que “se botamos ao mercado laboral cifras tan altas de mulleres, como é que o mundo laboral non as absorbe por igual, como é que o mundo laboral, en concreto o da comunicación en Galicia, está ocupado por homes?”
Asegurou que tamén no ámbito da comunicación a integración laboral non funciona igual para homes e mulleres. “Nas axencias de publicidade adoita haber mulleres, pero os cargos de maior confianza, máis elevados, de directivos ou directores creativos son homes; no mundo do xornalismo, na prensa audiovisual e na prensa escrita, a maioría das redaccións están compostas por mulleres, pero os cargos directivos son homes; hai poucas produtoras audiovisuais dirixidas por mulleres; hai moi poucas guionistas...”, enumerou, para incidir na desigual distribución de cargos nun sector que considera punteiro e que pensa que abrirá o abano de oportunidades para a muller no futuro.
Esta situación é, segundo os docentes, un indicio de que perduran os estereotipos de xénero. “O sector da comunicación é como un espello do que ocorre na sociedade en xeral e noutros sectores como poden ser as enxeñarías, a medicina ou a ecooómía”, sinalou Amorós. Por isto pensan que o cambio pasa por considerar no mundo laboral a profesionalización da muller, para que estea presente nos postos que lle corresponde en función da súa formación en non quede relegada a tarefas administrativas, auxiliares ou de mantemento.

Visión nesgada da muller nos medios

Pola súa parte, Montserrat Vázquez, especializada en publicidade, lembrou tamén como a muller segue a ser representada dunha maneira estereotipada nos medios de comunicación. “A representación das mulleres que aparecen nos medios ou como protagonistas na publicidade seguen a ser nesgadas dunha forma bastante evidente”, afirmou. Vázquez considera que se mellorou algo neste camiño, pero que seguen imperando os estereotipos de xénero, sobre todo na publicidade. “Si apareceu a muller traballadora, pero segue sendo a muller que se ocupa da súa casa, segue aparecendo a ama de casa e non nun sentido evolucionado, senón nun sentido pexorativo”, opinou neste senso. Para a profesora, malia incluírse unha nova visión da muller como traballadora fóra da casa, permanece sendo a única traballadora dentro do fogar, posto que o home non sae nunca ocupando estes roles.
Como exemplo do traballo feminino das mulleres nun ámbito tan representativo da comunicación como o audiovisual e tamén do derrubamento de estereotipos en torno ao feminino proxectouse a curtametraxe documental Bata por fóra (muller por dentro) da realizadora Claudia Brenlla.

Tributo á bata

Foi Anna Amorós a encargada de introducir esta produción e á súa autora, destacando a “peculiariadade coa que aborda o tema da muller”. “Pensamos en proxectala como unha homenaxe ás nosas nais, avoas e irmáns que usaron e usan unha prenda de vestir tan típica como é a bata”, dixo a profesora, salientando que a temática do documental se cinguía moi ben ás reivindicacións do Día Internacional da Muller. “Defínese como un documental creativo, polo que nos parecía oportuno presentalo neste centro, unha facultade de comunicación”, engadiu.
Bata por fóra traza unha viaxe artística polos valores positivos da herdanza feminina empregando como símbolo a bata que adoitan usar as mulleres nas tarefas domésticas. Para facer un tributo a esta prenda, a autora, Claudia Brenlla, contou coa colaboración da artista austríaca, Petra Buchegger, quen viaxou a unha fábrica de Pontevedra para realizar unha investigación artística sobre a bata, posto que opina que Galicia é “El Dorado das batas”. A creadora aparece no documental dialogando vía Skype con mulleres de distintos concellos galegos, que falan con naturalidade do feminino e de feminismo, mantendo un fresco sentido do humor ao longo de toda a obra.
Como actividade paralela a esta proxección, inaugurouse na bibliotecas central do campus unha exposición das populares batas de cadros, convertidas xa nunha peza de vestir reivindicativa. A mostra poderase ver ata o 11 de marzo no horario de apertura da biblioteca, de 8.30 a 20.30 horas.