DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en Dirección e Planificación do Turismo atrae ao campus docentes internacionais

Profesores foráneos salientan o potencial turístico de Ourense como cidade termal

A iniciativa permite pór en marcha iniciativas conxuntas entre institucións académicas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 23/02/2011
Un dos momentos máis enriquecedores na formación académica prodúcese cando é posible coñecer experiencias doutros territorios, que redimensionan os coñecementos adquiridos e modifican a visión dos temas. Este enriquecemento pode vir para o alumnado pola estancia noutras universidades pero tamén pola visita de profesores foráneos ao propio centro. É o caso do Máster en Dirección e Planificación do Turismo, onde docentes de diferentes países acoden para intercambiar coñecementos e experiencias e no que deixan constancia do potencial turístico que ten Ourense como cidade termal e de saúde.

Este máster da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, no que están matriculadas arredor de 60 persoas, ten por obxectivos formar expertos en investigación nesta área e preparar profesionais de alto nivel para a dirección e a planificación de empresas, actividades e institucións turísticas. “Agora mesmo é un máster referente no ámbito estatal e incluso internacional, a onde queren vir a adquirir experiencia investigadora e coñecementos persoas de diferentes países”, salienta José Antonio Fraiz, coordinador do máster.

Coa finalidade de fomentar a súa calidade, este ano o máster conta coa visita de profesores-investigadores de alto nivel de universidades foráneas, concretamente de México, Brasil e Portugal, ademais de docentes de universidades doutras comunidades autónomas, como Illas Baleares. Os profesores Luis Augusto Bastos, do Instituto Superior de Ciencias Empresariais e do Turismo de Porto (Portugal), e José Manoel Gándara, da Universidade Federal do Paraná (Brasil), foron dous dos docentes que este mes se achegaron a Ourense a compartir experiencias e inquedanzas co alumnado e profesorado do campus.

Unha visión externa

Durante a visita, o profesor Bastos, que investiga sobre planeamento estratéxico de destinos turísticos e sobre a segmentación de mercados, salientou, en base á súa experiencia, o potencial turístico de Ourense. “Gústame moito o seu posicionamento como cidade termal. É unha marca distintiva moi forte” apuntou. Unha visión que comparte o profesor José Manoel Gándara, experto en márketing e en calidade de produtos e destinos turísticos. “Vexo un enorme potencial para o turismo gastronómico e o turismo termal e de saúde, que poden converter á cidade de Ourense nun referente” explica Gándara. Para acadalo, este experto apunta a necesidade de que “se estruturen moi ben os produtos turísticos que se ofrezan, facendo propostas innovadoras e ben comunicadas aos turistas”.

O coordinador do máster salienta a importancia deste intercambio de análises porque, explica, “aínda que procedemos de contextos e culturas diferentes, o intercambio de ideas é fundamental xa que cun proceso de adaptación as ideas poden ser importadas ou exportadas en moitos casos”.

Novas liñas de traballo

Ademais do enriquecemento académico, a participación destes profesores tamén abre posibilidades de colaboración investigadora e docente cos centros de onde proceden. Deste xeito o profesor portugués salienta que a raíz desta experiencia “estamos empezando a desenvolver un proxecto conxunto de itinerarios turísticos transfronteirizos, no que participará un equipo de profesores de Ourense e de Porto, así como alumnado dos posgraos de ambas universidades”.

O mesmo acontece no caso de Brasil, onde o profesor Gándara destaca que a raíz da estadía na cidade “estamos traballando para presentar propostas conxuntas de produtos e sistemas de avaliación da calidade, considerando que na actualidade o turista, máis que consumir produtos e servizos, quere vivir experiencias únicas, historias memorables, onde as sensacións e as emocións xoguen un papel moi importante”.