DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha xornada informativa dirixida por Luis Ortiz

Profesores de Forestais asesoran ás comunidades de montes en temas de biomasa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
D. Besadío DUVI 20/10/2009

O gran potencial que ten Galicia para transformar a biomasa en fontes de enerxía é unha das grandes vantaxes que, en opinión dos enxeñeiros forestais, presenta esta comunidade e a E.U. de Enxeñaría Técnica Forestal ten ampla experiencia neste campo, algo que non pasa desapercibido para os diferentes axentes implicados no sector. Neste marco a escola acolleu unha xornada informativa sobre o tema dirixida aos directivos das comunidades de montes veciñais da provincia que se dirixiron ao centro na procura de asesoramento sobre esta materia.
A actividade, presidida polo director da escola, Luis Ortiz, contou coa participación de numerosos membros da comunidades de montes veciñais das áreas de Vigo e Pontevedra, así como, do secretario xeral da Asociación de Selvicultores Silvanus, Andrés Novo, que exerce tamén como docente na escola pontevedresa.

Sesión monográfica e moi práctica

“Foi unha sesión monográfica e moi práctica sobre todos aqueles aspectos relacionados coa biomasa que poden ser do interese tanto das comunidades de montes como das asociacións de silvicultores”, explicou Ortiz. “Refírome tanto ás vantaxes como aos inconvenientes, aos custes, ás limitacións...”, continuou. Partindo dunha visión xeral da situación na que se atopan as tecnoloxías de aproveitamento dos residuos forestais, coa xornada tratouse de estimular o debate por parte de todos os actores implicados no desenvolvemento actual e futuro da biomasa enerxética, analizando as barreiras actuais ao seu desenvolvemento, tanto no mercado interior como no exterior.
A charla completouse cunha visita dos participantes ás diferentes instalacións da escola, “coa que ademais de coñecer o centro puideron visualizar como se traballa nos diferentes laboratorios e comprobar o funcionamento de diferentes máquinas, desde astilladoras ata un muíño ou unha etiquetadora”, indicou o director da escola.

Un valor engadido ao monte

Profesores e estudantes da EUET Forestal investigan dende hai anos as avantaxes da biomasa forestal cuxo aproveitamento “engade máis valor ao monte grazas á transformación duns residuos que ata agora non se estaban a aproveitar e, ao tempo, reforza a importancia dunha axeitada xestión silvícola”. Con todo, advirten, que hai que ter en conta que a pesar de que nos últimos anos a biomasa representou máis do 50% do consumo total de enerxías renovables, é a gran esquecida do sector renovable estatal.