DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo acollerá en xuño o X Congreso de Tecnología, Aprendizaje y Enseñanza de la Electrónica

Profesores internacionais de electrónica perfeccionarán no campus as súas técnicas docentes

A organización desta edición está coordinada pola Escola de Enxeñería Industrial

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 17/02/2012
O Espazo Europeo de Educación Superior presenta un novo escenario pero tamén novas oportunidades e estratexias no proceso de ensinanza. No eido das enxeñarías, este cambio ten unhas características propias derivadas da necesidade de elaborar recursos didácticos con base tecnolóxica e metodoloxías activas de aprendizaxe. Todos estes retos da docencia da enxeñaría debateranse en Vigo no mes de xuño na décima edición do Congreso de Tecnología, Aprendizaje y Enseñanza de la Electrónica, a cita máis importante para os docentes de ensino superior das universidades españolas e latinoamericanas neste campo.

Coa vista posta en mellorar a docencia de enxeñaría electrónica

O obxectivo deste simposio é mellorar a docencia da electrónica mediante a reflexión conxunta dos problemas aos que se enfronta a xeración de recursos didácticos e o fomento da reutilización e a xeración cooperativa de coñecemento. Entre os días 13 e 15 de xuño daranse cita na sede da EE Industrial na cidade arredor de 100 representantes de universidades españolas, portuguesas e latinoamericas coa vista posta en incentivar o emprego de metodoloxías activas de aprendizaxe e dun ensino cunha forte vinculación á práctica profesional.

O congreso, con sesións plenarias, paralelas e mesas redondas, abordará catro temas principais. Por unha banda tratarase de actualizar o EEES de cara ao 2012 e, por outra, afondarase nas novas oportunidades no proceso de ensinanza, en especial na formación en competencias, o traballo colaborativo e a Web 2.0 e 3.0. Un terceiro campo de traballo serán os modelos de ensino mixto para a formación da enxeñaría, con laboratorios virtuais e remotos. Finalmente trataranse os novos recursos educativos, a reutilización, os obxectos de aprendizaxe, os materiais libres e as mellores prácticas. En total presentaranse preto de 120 traballos que se complementarán con poñentes americanos e europeos nas sesións específicas.

Publicación dos traballos

Ao fronte do comité organizador están Alfonso Lago, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica e Martín Llamas, do de Enxeñaría Telemática, que decidiron dar un paso máis na evolución do congreso e realizaron os trámites oportunos para que a conferencia “ademais de estar co-esponsorizada polo IEEE teña a posibilidade de que os traballos se publiquen no IEEExplore”, explica Lago. Deste xeito, todos os traballos aceptados neste congreso e que se defendan no mesmo, serán publicados nesta revista, un feito “de suma importancia, tanto para os autores como para a propia Universidade de Vigo, posto que o congreso estará indexado na base de datos mais importante no ámbito de enxeñaría”, indica.

Dentro do contido do congreso, ademais das ponencias e relatorios, terán lugar dúas mesas redondas dedicadas ao debate sobre a acreditación do profesorado universitario e a influencia do EEES no ámbito das titulacións de enxeñaría. Lago destaca tamén dúas sesións especiais, unha titulada Performance-Centered Adaptive Curriculum for Employment Needs na que participarán diversos especialistas europeos e outra titulada Novas Tendencias en Tecnoloxías da Aprendizaxe coa idea de incluír algúns artigos máis de temática máis aberta ao Learning Technologies e non pechada a electrónica.

O reto da adaptación ao EEES

Para as enxeñarías, a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior supuxo un enorme reto, porque a aplicación do novo plan require destas disciplinas un cambio maior. Por iso, este encontro internacional serve tamén para contrastar experiencias e estratexias. Alfonso Lago destaca que “máis que un reto dos docentes de electrónica, a incorporación á estrutura EEES é un reto para os docentes da enxeñaría. A pesar de que moitos dos recursos didácticos xa se estaban usando, a adaptación a unha nova metodoloxía e sobre todo a incorporación da palabra "aprendizaxe" ás titulacións de enxeñaría está resultando máis difícil que noutras titulacións”. Neste encontro, os docentes poderán intercambiar impresión sobre este proceso de adaptación á nova estrutura e de incorporación de ferramentas (fundamentalmente baseadas en software libre) que permitan maior facilidade en devandita adaptación.