DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo é fomentar a incorporación das TICs na ensinanza universitaria

Profesores da Universidade participan en Madrid na posta en marcha da asociación TAEE

A asociación engloba profesionais de 22 universidades de seis países

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 30/11/2012
Co obxectivo de incentivar a colaboración entre profesores de 22 universidades españolas e latinoamericanas para fomentar a incorporación de novas tecnoloxías na ensinanza universitaria e, máis en concreto, no ámbito das tecnoloxías da información e comunicación, este venres constituíuse en Madrid a Asociación TAEE –Tecnoloxías da Información e Comunicación-, da que pasan a formar parte varios profesores da Universidade de Vigo.

Entre os integrantes da asociación está o profesor de Tecnoloxía Electrónica Alfonso Lago que explica que a posta en marcha da asociación “vai facilitar a colaboración entre a Universidade e o entorno socioeconómico o que beneficiará a integración laboral dos nosos egresados”, ao que engade que colaborar con grupos de profesores de universidades estranxeiras “e particularmente latinoamericanas” favorece tamén a captación de alumnado destes países.

Boa parte dos integrantes estiveron en Vigo este verán

A constitución da asociación chega tras celebrarse en Vigo no pasado mes de xuño o último dos congresos TAEE, organizado polos profesores Martín Lamas Nistal e o propio Alfonso Lago, un encontro no que se deron cita preto de 100 representantes de universidades españolas, portuguesas e latinoamericanas coa vista posta en incentivar o emprego de metodoloxías activas de aprendizaxe e un ensino cunha forte vinculación á práctica profesional.

A asociación chega agora co fin de consolidar a longa experiencia adquirida nos máis de 20 anos nos que se levan celebrando congresos TAEE e ampliar a súa actividade a novos ámbitos. Entre outros aspectos preténdese fomentar o desenvolvemento de recursos educativos de calidade en aberto e a súa reutilización e mellora permanente.

Entre as iniciativas que se van pór en marcha destacouse a axuda a novas empresas que desenvolven produtos educativos, así como a organización de cursos, xornadas e congresos que faciliten ás empresas a formación nas tecnoloxías da información e as súas aplicacións. “Trátase de captar, deseñar, xestionar e executar proxectos e programas de investigación aplicada e desenvolvemento tecnolóxico, así como de investigación tecnolóxica en xeral”, subliñou Lago.