DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na III Xornada de Innovación Educativa

Profesores da Universidade presentan, de cara ao novo EEES, técnicas innovadoras para a aprendizaxe e o ensino de diferentes materias

Con 39 intervencións nas que se intercambiaron experiencias de gran variedade temática

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Lucía Costas DUVI 12/12/2008
A presentación de experiencias de actividades educativas innovadoras na Universidade é o eixo da III Xornada de Innovación Educativa, organizada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa. “É moi importante para a mellora da docencia difundir as prácticas innovadoras realizadas polos profesores, individualmente ou en grupo, que se sustentan no esforzo, na vocación e na profesionalidade de cada un”, sinalaba o vicerreitor Pedro Membiela no acto de presentación. Agora, todo isto é de fundamental interese de cara aos cambios coa implantación do novo Espazo Europeo de Educación Superior e, neste senso, “todo cambio na educación ten que pasar en primeira instancia polos docentes”, subliñaba Membiela.
Trátase dun total de 39 intervencións de entre 15 e 20 minutos e de gran variedade temática, onde o intercambio de experiencias axudará aos que as fixeron a reflexionar sobre o camiño seguido, as dificultades e os logros acadados e, para o resto, poderalles servir para mellorar a súa práctica.

Estratexias innovadoras nas diferentes áreas de coñecemento

A xornada iniciábase ás dez da mañá simultaneamente nos salóns de graos de ambas facultades. O profesor Vicente Novegil moderou aos relatores en Ciencias Xurídicas e do Traballo, onde se comezou coa exposición dos docentes Jorge Marcos Acevedo e Javier Sánchez sobre as novas técnicas de aprendizaxe, na materia Fiabilidade dos sistemas electrónicos de Enxeñaría de Telecomunicación, baseadas na colaboración co tecido empresarial da contorna universitaria. “A través desta experiencia motivamos ao alumno a realizar un traballo cun contido absolutamente real, dándolle unha formación práctica e unha visión da realidade coa que se vai atopar fóra”, aseguraba Acevedo. O estudante pode elixir a empresa coa que colaborar ou senón ofreceráselle sempre o traballo co grupo PSA, “a opción máis escollida” sinalaba. Pola súa parte, Sánchez subliñaba esta necesidade de desenvolver novos métodos de aprendizaxe, que dotan de novas capacidades ao alumno, “para garantir a axeitada formación deste, de acordo co novo sistema de Boloña”. Ambos remarcaban que o resultado desta práctica, nos dez anos de vida da materia, está a ter unha media de éxito do 95,3%.
Deseguido, Amparo Rodríguez, do Departamento de Informática, explorou ao máximo os LMS (Learning Management System) ou plataforma Claroline, amosando a posibilidade de elaborar guías didácticas sinxelas. “O traballo colaborativo, o e-portafolio e a aprendizaxe baseada en problemas son os tres tipos de ensino nos contextos virtuais”, explicaba. En xeral, a proposta goza de múltiples aspectos positivos dende o punto de vista tecnolóxico e pedagóxico, non obstante, sinalaba que “o acceso do alumnado é aínda unha cuestión a superar”.
Paralelamente, no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Pío M. González expoñía o traballo realizado de xeito conxunto con Julia Serra, ambos do Departamento de Física Aplicada, no que aportaban algunhas ideas que poden ser empregadas como recursos didácticos no proceso de ensino e aprendizaxe no ámbito científico-tecnolóxico, “para participar nese transcurso de reciclaxe e reorientación metodolóxica ao que nos reta o EEES”, comentaba o profesor, que falou de diversas actividades para ser desenvolvidas nas aulas tales como Ciencia en imaxes, Ciencia día a día e Ciencia en YouTube.
A continuación, Alberto Vaquero, quen actuaba tamén de moderador dos relatorios alí expostos, presentaba un estudo elaborado conxuntamente con Santiago Lago sobre a ensinanza da Economía no Programa de Maiores da Universidade de Vigo. “O ensino de cuestións económicas sempre supón un reto de máximo interese, especialmente cando se dirixe a un público tan heteroxéneo, debido ao seu diferente nivel de formación e á escasa relación co mundo universitario”, declaraba Vaquero. Neste senso, as dificultades de explicar a economía conxugando a rigorosidade coa sinxeleza xera a necesidade de deseñar sistemas de aprendizaxe alternativos aos tradicionais e, polo tanto, “un nivel de esforzo e dedicación distinto”. O profesor realizou un repaso á experiencia docente neste campo a partir dos resultados dos últimos anos.
As posibilidades da plataforma TEMA; o Zig-zag, un programa de televisión en Internet adicado á tradución; o E-learning 2.0; o Hot potatoes, unha aplicación para crear exercicios interactivos; o SEEQ como instrumento de valoración da ensinanza e múltiples estratexias innovadoras para a aprendizaxe e o ensino de materias como Estatística, Dereito romano e penal, Econometría, Literatura, Xenética e Bioinorgánica compoñen os temas dos relatorios expostos ao longo de toda a xornada.