DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesores vigueses e brasileiros analizan nunha monografía o mercurio como contaminante

A obra aborda os principais aspectos nocivos para o medio e a saúde deste elemento químico

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 16/02/2011
Aínda que puidese parecer que a presenza de algunha macroindustria contaminante por mercurio na Ría de Pontevedra constitúe a principal fonte de contaminación mercurial, é a contaminación antropoxénica a principal fonte do mercurio, pois son os núcleos de poboación costeiros os principais causantes deste tipo de contaminación. Este é algún dos datos recollidos na monografía El mercurio como contaminante ambiental y agente neurotóxico, un libro que xurde da colaboración entre investigadores da Universidade de Vigo e da Universidade Federal do Pará en Brasil.

“Orixinal e innovador”, tal como definen os seus autores, o libro supón unha contribución importante nunha área onde as monografías son moi escasas e cobre un amplo espectro relativo aos problemas formulados pola intoxicación mercurial. “É un pequeno paso para o coñecemento científico xeral, pero un salto adiante no campo da neurotoxicoloxía e da toxicidade ambiental”, subliñou Miguel Alfonso Pallares, profesor da Facultade de Bioloxía e coautor da obra xunto con Rafael Durán e Lilian Ferreira, compañeiros no Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde.

Problemática ambiental

Dirixido aos profesionais relacionados co ámbito da toxicoloxía en xeral, “pero de interese para calquera profesional relacionado co medio ambiente, a contaminación e a toxicoloxía ambiental”, o libro fai unha panorámica da presenza do mercurio en dous medios tan diferentes como son as Rías Baixas galegas e a Amazonia brasileira, sendo a primeira obra escrita a este respecto. Establecer parecidos e diferenzas entre ambos medios suporía un labor intenso “por iso nos centramos en establecer un nexo común constituído por un dos axentes tóxicos máis complexos e pouco estudados, con múltiples formas de presentación como é o mercurio”, subliñou o coordinador.

Efectos sobre a saúde

Se ben o mercurio non chega a producir graves problemas de saúde pública, a súa presenza e efectos, “especialmente por acumulación e a longo prazo”, subliña Pallares, non deixan de constituír un posible problema. Neste senso, os autores fan fincapé en que “temos unha certa experiencia en canto a preocuparnos polos problemas cando aparecen, pero unha mínima capacidade de previsión e prevención dos mesmos”. Neste senso, Pallares subliña que os metais pesados en xeral son unha fonte de posibles problemas de contaminación e de saúde “e o pouco que coñecemos acerca de eles non contribúe precisamente a estar más tranquilos”.
En canto á frecuencia das intoxicacións por mercurio, estes docentes destacan que “non son frecuentes no noso medio, pero cando se producen son de tipo grave”.