DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do proxecto de investigación “Estimulación Cognitiva a través da Motricidade”

O programa de actividades corporais “Memoria en Movemento” axudará a reducir a dependencia das persoas maiores

Elaborado por un grupo do Departamento de Didácticas Especiais para Obra Social de Caixa Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 20/12/2007

Ante a necesidade social de afrontar activamente o incremento da dependencia nas persoas maiores, un equipo de investigadores do Departamento de Didácticas Especiais desenvolveu o proxecto Estimulación Cognitiva a través da Motricidade (ECAM). Esta iniciativa, financiada pola Obra Social de Caixa Galicia, ten un carácter eminentemente práctico e o seu obxectivo xeral é poñer en marcha un programa de intervención didáctica para persoas maiores con indicios de deterioro cognitivo. Deste xeito, o que se pretende é “estimular a través do movemento intelixente os procesos da atención, memoria, orientación espacial e temporal e as praxias coordinativas”, segundo a directora do proxecto, Ana Isabel Rey Cao.
Para colaborar na prevención da dependencia, este proxecto dun grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, incide directamente sobre o primeiro dos tres posibles factores concorrentes na aparición deste problema: a existencia dunha limitación física, psíquica ou intelectual. A través dun programa de actividades corporais chamado Memoria en Movemento, que incorpora o movemento intelixente, estimúlanse determinados procesos que, en caso de disfunción, estarían implicados na limitación da autonomía como a atención e a memoria, a estruturación temporal e espacial, a coordinación e a conciencia corporal, a mobilidade articular, a flexibilidade muscular e a comunicación interpersoal. Ao igual que outros programas de estimulación cognitiva, ECAM pretende estimular as habilidades da atención e a memoria primaria, pero a novidade de Memoria en Movemento é que a estimulación cognitiva efectuarase a través de actividades corporais que implican o movemento intelixente.

A primeira fase, xa realizada

O proxecto global está composto de tres fases sucesivas cunha duración dun ano cada unha. A primeira, unha experiencia piloto, xa se realizou obtendo resultados moi satisfactorios. A directora do proxecto, Ana Rey Cao, comenta que “foi unha iniciativa moi positiva xa que logramos o noso obxectivo de establecer un programa para previr ou reducir a dependencia, cunha aceptación excelente por parte das persoas maiores. De feito xa estamos pensando na segunda fase ".
Nesta parte inicial da investigación probouse o programa de estimulación cognitiva a través da motricidade, Memoria en Movemento, con tres grupos diferentes de persoas maiores: sen deterioro cognitivo e sen problemas de mobilidade, sen deterioro cognitivo e con problemas de mobilidade e con deterioro cognitivo e sen problemas de mobilidade. A continuación tivo lugar a análise da aplicación e a validez didáctica do proxecto para cada colectivo, seleccionáronse as ferramentas de avaliación e extraéronse os primeiros datos sobre as repercusións do proxecto nas funcións cognitivas das persoas participantes.
O resultado principal da primeira fase da investigación é a consolidación do programa Memoria en Movemento que, despois da súa aplicación, queda constituído por 26 sesións distribuídas arredor de a catro unidades didácticas: son corpóreo, corpo atento, corpo que lembra, e corpo orientado.

Dúas fases en camiño

Tras realizar o estudo da primeira parte, agora o equipo de investigadores enfróntase á segunda fase da investigación, a experimental, onde de maneira sistemática se aplicará o programa Memoria en Movemento a unha mostra aproximada de 80 persoas. Estes individuos estarán distribuídos en diferentes grupos de localidades da provincia de Pontevedra (Vigo, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra) e da Coruña (Santiago de Compostela). Finalmente realizarase unha avaliación sistemática das repercusións do programa nas persoas maiores participantes.
Na última fase do proxecto, a de aplicación, levarase a cabo un programa de formación dos profesionais da Obra Social de Caixa Galicia sobre Memoria en Movemento e estenderase o programa aos centros da institución, coa correspondente avaliación de todo o proceso.