DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores recibiu a comisión de avaliación designada pola ACSUG

O programa de doutoramento do Campus Auga afronta a renovación da súa acreditación

Actualmente están matriculadas arredor de 80 persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Calidade
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 28/06/2023

O Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento da Universidade de Vigo está a traballar na renovación da súa acreditación como titulación oficial. No marco deste proceso, este mércores, o campus de Ourense recibiu a visita da comisión de avaliación designada para este fin pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), órgano responsable de supervisar e controlar os procesos de calidade a nivel universitario galego.

A comisión foi recibida no edificio Xurídico-Empresarial por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito; Marcos Arias, subdirector da Escola Internacional de Doutoramento da UVigo; José Eugenio López Periago, coordinador deste programa de doutoramento, e Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga. Os membros da comisión, especialistas procedentes de diversas universidades estatais e do CSIC, un estudante e unha técnica da ACSUG, desenvolveron ao longo da xornada diferentes reunións internas e con grupos de interese en relación ao programa sometido a avaliación.  

Participación foránea

Este Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento arrancou no curso 2017/2018 no campus de Ourense, dentro da Escola Internacional de Doutoramento da UVigo. A titulación constitúe unha das liñas de orientación estratéxica do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos e preséntase como un “programa único no Sistema Universitario Galego”. O seu deseño aposta por consolidar “unha oferta formativa diferenciada e especializada nas temáticas propias do Campus Auga (alimentación, medio ambiente e xestión da auga), que promova a capacitación integral de profesionais, conectada coas demandas da contorna máis próxima, e que sexa valorada socialmente”. Para acabalo, conta coa colaboración multidisciplinar das escolas e facultades do campus de Ourense e de universidades e institutos universitarios do Norte de Portugal, cos que no marco deste programa se teñen formalizado convenios de colaboración, como son o Instituto Politécnico do Porto, a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro e o Instituto Politécnico de Bragança. Así, "concíbese como un programa capaz de ofrecer unha formación avanzada e de elevada calidade en temáticas propias do Campus Auga e que lle permitirá establecerse como un líder nesta temática no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal".

Os obxectivos formativos desta titulación están artellados en once liñas de investigación soportadas por 24 grupos de investigación, cinco deles pertencentes a centros de investigación. Cada curso académico oferta 25 prazas, sendo o perfil de ingreso do alumnado moi diverso, “cubrindo a maior parte de todos os ámbitos de coñecemento, de acordo co carácter multidisciplinar e transversal” desta titulación. A media interanual é de 14 estudantes matriculados por curso, estando actualmente matriculadas en conxunto máis de 80 persoas.

Os datos por procedencia amosan que a metade das persoas matriculadas son estranxeiras, cifra que foi medrando curso a curso ata situarse no 54,6% en 2021/22, procedendo na súa maior parte de Portugal. No período analizado (ata o curso 2021/2022) defendéronse oito teses de doutoramento ao seu abeiro, das cales o 90% recibiron a mención cum laude, sendo o 66% das teses defendidas por alumnado estranxeiro. Ademais, indican desde o programa, “os resultados de difusión dos resultados da investigación feita polos estudantes é alta”, publicándose 21 artigos e libros en revistas indexadas JCR cunha taxa de 3,5 traballos por estudante e sendo a taxa de comunicacións en congresos internacionais de 5,1 por estudante.