DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será unha referencia internacional na que participarán 400 doutores na dirección de teses

O programa de doutoramento de Campus do Mar solta amarras

Aprobado polo Consello Reitor comezará a impartirse o vindeiro curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/12/2011
Será un dos poucos programas de doutoramento no ámbito internacional que conte coa participación de ata oito institucións no seu deseño e desenvolvemento e con 400 doutores e doutoras na dirección de teses. O programa de doutoramento conxunto en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar será unha realidade a partir do vindeiro curso 2012-2013 despois que o Consello Reitor de Campus do Mar o aprobase na súa derradeira reunión do ano. Na sesión, os integrantes do Consello tamén deron luz verde ao plan de actividades e ao orzamento do Campus do Mar para o próximo ano que ascenderá a preto de 5 millóns de euros. A derradeira xuntanza do ano do Consello Reitor tamén foi a da despedida oficial do reitor da Universidade de A Coruña, José María Barja, que será relevado polo seu sucesor ao fronte da institución académica coruñesa Xosé Luís Armesto. Mentres, a continuidade tanto do presidente do CSIC, Rafael Rodrigo como a do director do IEO, Eduardo Balguerías, dependerá das decisións que adopte o novo executivo central.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, referiuse ao programa de doutoramento como “un fito, froito dun traballo moi intenso de todas as universidades e institucións que conforman o Campus do Mar”. O que será o embrión da Escola Internacional de Posgrao é, segundo Mato, “un programa de excelencia académica moi ambicioso”, unha opinión compartida polo reitor da UDC, José María Barja que destaca o mérito que entraña poñer en marcha “unha estrutura tan complicada que conta coa participación de 400 doutores, o que a dota de unha gran potencia e con perfís moi variados”. Pola súa banda o presidente do CSIC e o director do IEO coincidiron en felicitar ao equipo directivo de Campus do Mar, así como a todas as persoas que traballan no proxecto. Rafael Rodrigo, presidente do CSIC considera que “unha vez conseguida a cualificación de Campus de Excelencia Internacional queda facelo realidade e imos no bo camiño”, mentres que Eduardo Balguerías destacada a ilusión que o Campus está a xerar, tamén entre o persoal do IEO para o que dixo “é unha honra participar en este proxecto”.

Todas as teses de Galicia e o Norte de Portugal baixo o paraugas do Campus do Mar

Unha vez asinados por parte dos membros do Consello Reitor do Campus do Mar os acordos interinstitucionais para poñer en marcha o programa de doutoramento conxunto, estes documentos serán remitidos a todos os organismos que integran o campus para a súa ratificación e así poñer en marcha o proceso para a implantación do doutoramento. Un programa que segundo o director de Campus do Mar, Emilio Fernández, é un fiel reflexo da vocación de agregación que conforma o propio campus polo que “non ten sentido facer 20 programas de doutoramento, senón un único programa moi potente que nos permita que nos visualicen deste o exterior”.

Proba da dimensión que acadará o programa de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar son as 100 ou 150 teses anuais que se poden xerar por parte dun alumnado que abarca deste A Coruña ata a Aveiro e ao que se sumaría todo o estudantado chegado de fóra de Galicia e o Norte de Portugal. “Todas as teses de temática mariña e marítima que se elaboren no noroeste peninsular se lerán dentro de este programa de doutoramento”, explica Emilio Fernández que ten claro que en este caso a falta de estudantes non será un problema, senón o exceso de demanda que puidera producirse.

Entre as novidades que inclúe o programa de doutoramento destaca, por unha banda que o alumnado terá que defender o seu proxecto de tese antes de iniciar a súa elaboración. “Seguindo o modelo anglosaxón”, explica o director do Campus do Mar, "o alumnado deberá defender a súa proposta ante un comité de seguimento que xunto co director da tese terá que aprobar ou corrixir o proxecto”. A este requisito co que se persegue apostar pola excelencia, súmase o de que para ler unha tese será necesario ter cando menos unha publicación nunha revista internacional. En canto ao profesorado do programa, Emilio Fernández aclara que “un docente poderá ser membro do programa se os seus estudantes de doutoramento están aí e non por que dea clases, que ademais serán poucas”.

Ademais de unha pequena parte docente, esencialmente virtual, aínda que tamén contará coa presenza física de destacados docentes e investigadores, o programa de doutoramento incluirá cursos de alto nivel e cursos complementarios co obxectivo de facer teses transversais nas que non haxa ningunha área temática que non se poida abordar.

Un programa para a Escola Internacional de Posgrao

O programa de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar, está intimamente ligado á Escola Internacional de Posgrao, aínda que para o vindeiro curso esa vinculación non sexa posible. O programa inicialmente lanzarase desde a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus Vigo ao que pertence o seu coordinador, o catedrático de Economía Aplicada, Manuel María Varela Lafuente. “Sae de Económicas de xeito profesional e logo será a Escola Internacional de Posgrao a que se encargue do programa para o que disporá de bolsas e de un programa de acollida, así como de un orzamento para financiar os cursos impartidos por docentes e investigadores que veñan de fóra”, detalla Emilio Fernández.

Aínda que inicialmente a Escola Internacional de Posgrao se encargue do programa de doutoramento a intención é que aglutine tamén os mestrados do ámbito mariño, unha oferta de formación avanzada que ademais de dirixirse ao alumnado tamén se trasladará ás empresas ás que se lles ofrecerá a posibilidade de que formulen a súas demandas.

Orzamento e accións 2012

Dentro da planificación bianual realizada o pasado ano e con algún axuste introducido ao longo de este 2011, o Consello Reitor de Campus do Mar aprobou un orzamento para 2012 de 4.785.304 euros, dos que algo máis de 3,5 millóns corresponden ao programa de Campus de Excelencia Internacional e a cantidade restante ao programa Innocampus. O 25% do orzamento total destinarase a gastos de persoal, outro 25% a gastos en equipamento, case un 30% a gastos directos de execución, un 12% a gastos de asistencias técnicas e un 7% a subcontratacións.