DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa DUE apoia 15 deportistas de elite que estudan na universidade

Ofrecéndolle facilidades para compaxinar a vida académica coa competición

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 16/01/2008

Nomes tan coñecidos como Javier Gómez Noya ou Santi Pérez forman parte, como estudantes da Universidade de Vigo, do programa DUE, de apoio a deportistas de elite. Xunto con eles, outros trece atletas de alto nivel pertencen a esta iniciativa da institución para que os deportistas poidan compatibilizar os seus estudos coa actividade física.
Posto en marcha no curso 2005-2006, neste ano académico a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra é o centro con máis alumnos nesta iniciativa, onde estudan catro dos quince deportistas.
No que se refire ás modalidades, destaca por riba de todas o triatlón. Xunto con Gómez Noya, outros dous triatletas están inscritos no programa DUE. Modalidades como taekwondo, atletismo e vela contan con dous representantes e completan o grupo un xogador de hockey sobre patíns, de rugby, de natación, de baloncesto, de piragüismo e un ciclista.
Atendendo aos campus, nove dos deportistas son estudantes do campus de Vigo, cinco do de Pontevedra e un de Ourense.

Un programa de apoio aos deportistas

O programa DUE é unha aposta da Universidade para que os deportistas de elite poidan compatibilizar os seus estudos coa actividade deportiva. Trátase así de facilitar, como se recolle nos Estatutos da Universidade, a aprendizaxe dos estudantes e a obtención dos títulos académicos mediante a impartición dunha formación axeita, nestes caso de acordo á condición de deportista de alto nivel.
Esta iniciativa establece unha serie de medidas encamiñadas á compatibilización dos estudos coa práctica deportiva mediante, principalmente, a creación da figura dun titor personalizado para cada atleta. Trátase de ofrecerlles así un apoio no ámbito académico que actúa tamén como intermediario entre o estudante o os docentes. Facilítase, deste xeito, a modificación de horarios de prácticas ou seminarios e a adaptación do calendario de exames atendendo a adestramentos e eventos deportivos de alta competición que afecten ao alumno.
Entre as funcións do titor, ademais de exercer de interlocutor cos outros docentes para estas modificacións, está orientar ao estudante á hora de matricularse e elixir a carga docentes compatible coa carga deportiva. Por outra banda, o profesor elixido para exercer esta función debe realizar un seguimento continuado da actividade académica do deportista mediante un réxime de titorías e realizar un informe final onde se recolla unha valoración global dos resultado do programa de titorización.

Estudantes e atletas

Para beneficiarse destas prestacións docentes do programa DUE é preciso cumprir requisitos tanto a nivel académico como deportivo. Para formar parte desta iniciativa os estudantes deben estar matriculados nun mínimo de 30 créditos de calquera escola ou facultade da Universidade de Vigo e para permanecer no programa, o alumnos deberá superar, polo menos, 20 destes créditos no curso académico.
A nivel deportivo requírese figurar na relación de Deportistas de Alto Nivel no ámbito estatal ou autonómico ou ben ter sido convocado por unha selección nacional para participar nunha competición