DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrece un local de ensaio aos grupos de universitarios

O programa Ensaiamos consolídase como dinamizador da actividade musical

O prazo de admisión de solicitudes remata o 10 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 01/10/2008

Dende a súa posta en marcha no ano 2006, o programa Ensaiamos estase a consolidar como un potente dinamizador do panorama musical universitario. Co comezo do novo curso a vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes volve a poñer a disposición dos estudantes deste servizo de apoio a grupos musicais que, nos últimos anos tivo unha alta aceptación. Segundo explica Alfonso Caride, técnico de Actividades Culturais, “este é un dos proxectos dos que máis satisfeitos nos sentimos e que viu a responder a unha demanda que existía entre os universitarios para poder acceder a locais de ensaio”.
Ensaiamos trata de dinamizar a escena musical ofrecéndolles aos grupos un local de ensaio, o Teatro Vidal Bolaño, cedendo o uso compartido dun equipamento inicial básico para as sesións de ensaio.
A oferta inicial para as bandas son 20 horas semanais que deben repartir dun xeito equitativo. “O ano pasado ofertamos 20 horas semanais e contamos con solicitudes de 20 grupos, polo que eles mesmos decidiron repartir o local dun xeito solidario, ensaiando unha hora semanal, o que permitiu que entrasen todas as bandas no programa”, explicou Caride. Este índice de aceptación demostra a gran acollida que, entre os mozos, está a ter o programa. “Agardamos seguir mantendo o nivel de aceptación co que contamos en anteriores edicións que nos aseguran ter todas as horas ocupadas”, subliña o técnico de Actividades Culturais.
Ademais, dende a vicerreitoría destácase o carácter innovador desta iniciativa, “xa que dende a Dirección Xeral de Xuventude estanse a dinamizar este eido con programas de ensaio en diversos concellos e barrios pero, cando nós comezamos a poñer en marcha esta idea era case pioneira”.

Funcións, requisitos e prazos

O prazo de admisión de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 10 de outubro e, para poder acollerse ao programa que entre os membros da banda haxa unha cota mínima de universitarios: un estudantes no caso de ser tres ou menos e dous no caso de que o grupo conta con máis de tres músicos.
Dende a vicerreitoría comprométense a cederlles o equipo básico pero eles mesmos deben encargarse dos instrumentos. Con todo, por conta da organización corre a montaxe e desmontaxe do equipamento así como a posibilidade de ofrecerlles o uso dun espazo web de comunicación cos participantes e de difusión nas carteleiras.
Esta equipamento consiste nunha batería de cinco corpos, dous amplificadores combo de guitarra de 100w, un amplificador de baixo de 150w, unha mesa de mesturas de 10 canais mono, dous auxiliares e entradas e saídas RCA, así como dous altofalantes autoamplificados de 300w, catro micrófonos cos seus respectivos soportes e cablecido.

Un concerto como peche final

A iniciativa pioneira de pechar o ciclo cun concerto de varios dos grupos vaise repetir nesta edición. Deste xeito ofréceselles aos mozos a posibilidade de tocar en público, para algún por primeira vez.
No futuro, dende a vicerreitoría preténdese pechar o ciclo mercando un pequeno equipo de gravación “que lles permita aos grupos realizar a súa primeira maqueta e poder presentarse a concurso e certames como o propio da Universidade de Vigo”. Neste sentido, Alfonso Caride subliñou a importancia da promoción, creación cultural e difusión, “crear elementos culturais que no futuro poden ser empregados tamén para dinamizar os concellos de orixe destas bandas”, concluíu.

Máis información na web da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes