DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois do éxito de participación do pasado curso

O programa Ensaiamos continúa ofrecendo aos grupos musicais un local para tocar

O prazo de entrega de solicitudes está aberto ata o 11 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M.Del Río DUVI 26/09/2007

Despois do éxito de participación do pasado curso, o programa Ensaiamos volve no comezo do curso co obxectivo de ofrecer un espazo gratuíto e común aos grupos musicais. Dende este mércores e ata o vindeiro 11 de outubro permanecerá aberto o prazo de inscrición para que todas aquelas bandas interesadas presenten as súas solicitudes.
O obxectivo desta iniciativa, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, é dinamizar os grupos por medio dun local de ensaios no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. O uso compartido do espazo comprende tamén un equipamento básico subministrado pola Universidade. Deste xeito, os grupos dispoñen dunha batería, un amplificador para baixo, unha mesa de mesturas, altofalantes amplificados e micrófonos co seu correspondente cableado.
Para poder participar neste programa, un dos membros do grupo debe ser estudantes no caso de que os compoñentes sexan un total de tres. Se a banda ten un número superior de integrantes, dous deles deben estar matriculados na Universidade. As solicitudes deben ser entregadas nas oficinas de Extensión Cultural.

Horarios

Este servizo, que se estenderá ao longo de todo o curso, ofrece o local do Teatro de Cidade Universitaria os luns e venres de 12 a 15 horas e de 17 a 21 horas e os martes de 12 a 15 e de 17 a 20 horas. O máximo semanal establecido para cada grupo participante é de 3 horas. A alta demanda no pasado ano, máis de 20 grupos, curso fixo que se organizasen para reducir o tempo e que todos puidesen empregar o local. Nesta nova edición a idea é que os participantes adapten datas e horarios entre eles, decidindo o reparto do espazo segundo as súas preferencias.
Ademais do local de ensaio, a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes ofrece aos grupos o apoio que precisen tanto a nivel informativo como aportando a posibilidade de empregar un espazo web de comunicación cos participantes e de difusión nas carteleiras e promoción para a realización de actividades por parte das bandas.

Descargar o programa (566Kb)