DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un proxecto de innovación educativa de CC da Educación e do Deporte traballou con alumnado sénior

Un programa de exercicios personalizado que é tamén un recurso docente

Desenvolveuse nunha materia que reunía a estudantes de grao e do Programa para Maiores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 20/02/2018

Compartir aulas e vivencias co alumnado de grao é unha das posibilidades que o Programa Universitario para Maiores outorga ao alumnado sénior no seu ciclo integrado, no que aqueles e aquelas que superaron previamente o ciclo intensivo ou que xa posuían unha titulación universitaria, poden cursar materias de diferentes titulacións. Entre elas, Xerontoloxía e actividade física, unha optativa do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, centrada precisamente no traballo físico con persoas maiores. Co propósito de xerar recursos docentes que contribúan á enriquecer a formación do alumnado, un proxecto de innovación educativa coordinado pola profesora Helena Vila levou á realización dunha serie de gravacións nas que o alumnado de grao desenvolvía unha serie de rutinas específicas de traballo cos e coas sénior, completadas á súa vez pola planificación e desenvolvemento dun programa de exercicios de forza personalizado para cada un dos e das sénior.

“Trátase dunha materia orientada a maiores, polo que non hai nada mellor que ter a poboación para a que vas traballar presente na clase”, salienta Vila dun dos motivos polos que hai tres anos esta materia se incorporou ás opcións que o Programa para Maiores pon á disposición do alumnado sénior no campus, o que dá pé a unha “simbiose moi positiva tanto para o alumnado sénior como para o de grao”, que puido vivir nas aulas unha primeira experiencia de traballo práctico con este colectivo.

E se non houbese sénior?

Mais a iniciativa, seleccionada na convocatoria de proxectos de innovación educativa promovida pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para o presente curso, ten como punto de partida a posibilidade de que, en próximos cursos, non houbese alumnado sénior matriculado na materia. De aí que o seu propósito fose xerar unha serie de recursos en vídeo “cos que o alumnado poida ver como se traballa con eses maiores e que dificultades se poden dar”, explica Vila dunha iniciativa que ao longo do primeiro cuadrimestre levou a rexistrar en vídeo unha serie de sesións nas que o alumnado de grao realizaba cos sete sénior matriculados no presente curso unha serie de rutinas de exercicio de equilibrio, coordinación ou forza. “Mentres teñamos maiores, perfecto, porque traballamos con eles, pero estamos xerando unha serie de recursos didácticos e materiais cos que poder traballar, dunha forma diferente, pero tamén moi próxima á realidade”, salienta Vila dunha iniciativa que agarda poder ampliar nos próximos cursos.

Un programa para cada persoa

Nese senso, o traballo conxunto entre os dous grupos de alumnado tivo unha consecuencia máis aló das clases, o deseño dun circuíto de exercicios de forza específico para cada un dos e das sete sénior. “A idea é que eles melloren a súa saúde, que sexan conscientes do que lles pasa co proceso de envellecemento e que é necesario para poder mitigar ou retardar eses procesos”, salienta Vila, quen incide nese senso en que o traballo de forza é “básico” á hora de facer fronte a problemáticas como a perda de masa muscular ou na prevención de caídas.

Por iso, un dos traballos da materia foi converter ao alumnado de grao en “titores e titoras” das e os sénior no deseño e desenvolvemento dun circuíto de exercicios “totalmente adaptados ás súas necesidades, xa que había xente que tiña problemas de mobilidade articular ou algunha lesión”. Un circuíto de exercicios que o alumnado definiu e amosou aos e ás sénior como realizar correctamente e que finalmente foron recollidos nunha peza en vídeo que, xunto á propia planificación, veñen de ser achegadas aos estudantes do Programa para Maiores co propósito de que, coa axuda de “materiais fáciles de conseguir” como poden ser bandas elásticas ou fitballs, teñan o seu “propio modelo de traballo” que continuar realizando este circuíto na casa ou no ximnasio, de tal xeito que a súa experiencia nesta materia poida tamén “repercutir positivamente na súa saúde para o futuro”.