DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes dos tres campus

O programa ISEP leva aos EEUU a dezasete estudantes da Universidade

Estarán repartidos por practicamente todos os estados, de costa este a oeste

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 16/06/2008

Washington, Idaho, Nebraska, Illinois, Louisiana e o estado libre asociado de Porto Rico son algúns dos estados norteamericanos que o vindeiro curso acollerán nas súas facultades a estudantes procedentes da Universidade de Vigo. Trátase de alumnos procedentes de estudos de doutoramento ou posgrao que, en virtude do programa ISEP, recibirán parte da súa formación académica nos EE.UU. “Nesta ocasión enviamos a dezasete estudantes que se repartirán por toda a xeografía”, tal como explica Eva Garea, técnico da Oficina de Relacións Internacionais, que engade que “cubriremos practicamente todos os estados, dende a costa este á oeste”.
ISEP é unha iniciativa de intercambio recíproco, coordinado na Universidade de Vigo polo profesor Javier Pérez Guerra, que exime do pago de taxas académicas no país receptor. Precisamente, esta é unha das características que máis valoran os estudantes, xa que “sen esta bolsa, que ademais de proporcionar axuda económica, facilita os trámites burocráticos sería case imposible irse a estudar a EE.UU polo elevado custe das matrículas”, apunta Ángela Vázquez, unha alumna da ETSE de Telecomunicación que elixiu a Universidade de Dakota do Sur para completar a súa formación. Pola súa banda, Noemí Nogueira, estudante da licenciatura de Administración e Dirección de Empresas, considera que “esta é unha oportunidade irrepetible non só a nivel académico, senón tamén persoal”.
Durante a reunión informativa mantida con eles, Garea animou aos estudantes a aproveitar ao máximo a ocasión e a dar o coñecer o programa á xente que coñezan nas facultades de destino, posto que “cantos máis alumnos reciba a Universidade, máis poderemos enviar nós fóra”, segundo as súas verbas. Do mesmo xeito, proporcionoulles unha serie de instrucións básicas de cara á estadía nos EE.UU., recordándolles que o período de matrícula ábrese tan só durante un ou dous días e que se cursan catro ou cinco materias por cuadrimestre.

ISEP en cifras

Por campus, o de Vigo é o máis participativo neste programa de mobilidade, posto que del proceden 11 dos 17 estudantes que viaxarán aos EE.UU. Pola súa banda, o de Ourense envía dous alumnos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e un da Escola Superior de Enxeñaría Informática,mentres que o de Pontevedra estará representado en Norteamérica por dos estudantes de Belas Artes e un da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

A estancia nos EE.UU.

O ISEP permite aos alumnos elixir entre 137 institucións americanas que abranguen practicamente todos os ámbitos de coñecemento para cursar un semestre ou un curso completo. Unha vez no destino, a facultade proporciona aos estudantes aloxamento e manutención. “A maioría estarán en residencias universitarias dentro do campus e recibirán vales de comida para as súas cafeterías”, tal como explica Eva Garea, que puntualiza que “se durante o período de vacacións optan por viaxar a outros estados ou países veciños, o aloxamento non está garantido”.
En canto aos gastos da estancia, a técnico da ORI estima que os alumnos precisarán arredor de 300 dólares para compras como libros ou material escolar.