DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun novo curso da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

O programa JClic como recurso docente

O prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de abril

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E. L. Castro DUVI 01/03/2010
Introducir ferramentas multimedia para traballar os contidos das materias é cada vez máis frecuente nas aulas para estimular unha aprendizaxe activa. Co obxectivo de achegar recursos ao profesorado neste eido a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa ofrece no campus o curso Uso docente do programa JClic, dentro do Programa de Formación Permanente de Profesorado. Esta aplicación está considerada unha ferramenta potente para o ensino nas diferentes etapas do sistema educativo, posto que lle permite ao profesorado utilizala tanto para a creación, como para a realización e a avaliación de actividades educativas a través de exercicios interactivos formulados como crebacabezas, asociacións, exercicios de texto, encrucillados, etc.
O curso desenvolverase na segunda quincena do mes de abril, ao longo de seis sesións con horario de 18.00 a 20.00 horas entre o 12 e o 24 de abril. Estará impartido por Irene Camesella Pérez e o período de inscrición, que comezou o día 12 de febreiro, permanecerá aberto ata o 8 de abril. Ofértanse un máximo de 20 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de preinscrición. A matrícula deste curso é totalmente gratuíta e pode formalizarse a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual.

Unha nova achega sobre as posibilidades do software libre

O JClic é un programa informático que serve para crear aplicacións didácticas e interactivas, polo que lle permite aos profesionais da educación traballar aspectos procedimentais de case todas as áreas do currículo. Entre os contidos do curso figuran dar a coñecer a contorna JClic aos docentes para que se familiaricen coas posibilidades didácticas que ofrece, realizar o proceso completo para a súa instalación nun ordenador, aprender a manexala para realizar actividades multimedia e conseguir que o profesorado integre recursos interactivos nas súas actividades nas aulas. Para isto, ao longo das diferentes sesións analizaranse exercicios realizados con este programa e deseñaranse outros novos. Así mesmo, os docentes poderán coñecer de primeira man como usar e compartir aplicacións de JClic en liña.
Este programa está desenvolvido na plataforma Java e está baseado en estándares abertos, con adaptacións para distintos sistemas operativos (Windows, Linux, Mac OS X e Solaris). Supón unha aposta polo software libre accesible para todos na rede e unha nova achega sobre as súas posibilidades e sobre a súa aplicación particular no ámbito educativo, permitindo, neste caso, a cooperación e o intercambio de materiais entre centos de ensino e educadores de diferentes países e culturas.