DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os interesados aínda poden matricularse en calquera dos tres campus

O Programa de Maiores abre unha fiestra ao coñecemento aos estudantes sénior

As clases comezarán o 14 de outubro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 09/10/2008

Mentres o resto do alumnado xa está totalmente inmerso na dinámica dun novo curso, os estudantes máis veteranos da Universidade de Vigo aínda terán que agardar ata a vindeira semana para regresar ás aulas. Cheos de ilusión e con moitas ganas de comezar, os case cen participantes do Programa para Maiores do campus de Ourense, animan a todos os que superen os 50 anos a aproveitar esta segunda oportunidade de aprender que, a través das Aulas Abertas, ofrécelles a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa. Os interesados aínda poden matricularse na Área de Servizos á Comunidade da Unidade Administrativa.
“A experiencia está a ser moi positiva a todos os niveis” afirmou Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, “tanto os profesores, como os alumnos e os xestores do programa estamos moi satisfeitos”. O certo é que se os seres humanos aprendemos durante toda a nosa vida, “non temos por que limitar a etapa de aprendizaxe a unha idade concreta e a nosa, é unha posposta moi variada que abarca todos os ámbitos culturais” explicou. Ademais, animou aos interesados a perder o medo e matricularse, independentemente do seu grao de formación previa xa que “o programa está estruturado para adaptarse á diversidade, temos dende xente sen estudos ata licenciados, o único requisito é ter máis de 50 anos”. Nin tan sequera a ocupación actual é un impedimento para inscribirse xa que as clases impártense dúas tardes por semana “co que poden acudir tamén os traballadores en activo”. Isto supón un aliciente tanto para os que non puideron acudir no seu momento á universidade, como para os que foron co obxectivo de formarse para o mundo laboral, pero que "agora o vivirán dende outra perspectiva, a do enriquecemento persoal” dixo.
Tamén Josefina Pato, coordinadora da iniciativa en Ourense subliñou que ademais da vertente académica, “teñen moito peso as relacións sociais froito da convivencia na aula e das visitas culturais e actividades que realizamos cada pouco tempo”. De feito, se as clases comezan o día 14, a primeira excursión, á Serra do Xurés, está programada para o día 22 porque “é importante saír da clase e proxectarnos como universitarios na sociedade” concluíu.

A experiencia dos alumnos

Pero se dende a organización o programa é valorado como un éxito, o índice de satisfacción aumenta aínda máis no caso dos estudantes. Ana Fernández, presidenta da Asociación de Alumnos, conta que buscaba algo que enchera o seu tempo de ocio cando descubriu o programa. “Dende logo é o xeito máis feliz e produtivo de aproveitar os ratos libres, para min é unha experiencia extraordinaria” explicou, definindo a iniciativa como “unha fiestra inesperada ao coñecemento”. Ademais, resaltou que “o interese, o esforzo e a dedicación suplen os condicionamentos da idade”. Tamén Aurelio Sánchez congratulouse desta iniciativa coa que a Universidade de Vigo “cumpre co seu obxectivo de abrirse á sociedade á que serve”. Coincidiron ambos en que o denominador común dos participantes é a súa necesidade de sentirse útiles e realizados, “para o que a cultura é o camiño máis rápido e eficaz”. De feito, Sánchez matizou que o programa “non é unha gardería para maiores, senón que tanto a organización como nós, somos moi serios na interpretación dos cursos”.

Información para os interesados

O Programa para Maiores naceu hai sete anos dentro das Aulas de Formación Aberta que a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa promove para ofrecer á sociedade os coñecementos e os medios dos que dispón a Universidade, ampliando así a súa misión educativa cara a diversos colectivos. Co obxectivo de facilitarlle ás persoas adultas o seu desenvolvemento cultural, persoal e social, fomentando o intercambio xeracional cos mozos, xurdiu este programa, que está presente nos tres campus. Trátase, pois, dunha oferta de estudios para aqueles que non puideron acceder á universidade no seu momento ou que sendo xa titulados desexen ampliar e renovar os seus coñecementos.
O programa está estruturado en dous ciclos. O primeiro deles, o chamado ciclo intensivo, impártese ao longo de tres anos académicos e a súa superación dá lugar ao título propio graduado universitario sénior. Nesta fórmula inicial, os maiores forman grupos específicos con aulas, materias e profesorado adaptado. Unha vez concluído, os estudantes poden pasar ao ciclo de especialización, no que acoden ás clases xerais xunto cos demais universitarios, cursando as mesmas materias que os mozos, durante dous anos, ata acadar o título de graduado superior sénior.

Máis información