DUVI

Diario da Universidade de Vigo

42 estudantes remataron este ano algún dos ciclos que ofrecen as Aulas de Formación Aberta

O Programa para Maiores inaugura os actos de graduación do campus

A presidenta da Federación Hispano-Lusa de Empresarias foi a madriña da promoción

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 12/04/2013

O curso académico 2012/2013 está a piques de comezar a súa recta final e o alumnado universitario de último curso de cada titulación está a preparar os seus respectivos actos de graduación. Os primeiros en celebralo foron este venres o Programa para Maiores das Aulas de Formación Aberta do campus de Ourense. 42 estudantes remataron este ano algún dos ciclos que ofrece o programa e moitos deles se achegaron ao Edificio de Ferro para recibir con moita ilusión e satisfacción os seus diplomas, pins e bandas de mans das autoridades académicas presentes.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Josefina Pato, directora do Programa para Maiores do campus, e Ana María Méndez, presidenta da Federación Hispano-Lusa de Empresarias e madriña da promoción, foron as persoas encargadas de presidir un acto especialmente emotivo para os estudantes e para as familias e amigos que os acompañaron nesta graduación. “As persoas que realizan este programa son o noso buque insignia. Eles representan á universidade dun xeito xenuíno porque estudan, non por atopar un emprego no futuro, senón pola ansia de aprender. O noso desexo e o noso consello é que nunca perdan esa ilusión por vivir e seguir medrando”, destacou María Lameiras durante o acto de graduación, que tamén fixo fincapé no activa que foi esta promoción, que chegou a representar unha obra de teatro súa no Teatro Principal da cidade.

Dous ciclos

“Este curso remataron o Ciclo Intensivo 27 persoas e o Ciclo Especializado outras 15. Concretamente celebramos o acto de graduación da promoción 2009/2012 do Ciclo Intensivo e a promoción 2010/2012 do Ciclo Especializado”, destacou Josefina Pato. O Ciclo Intensivo, formado por tres cursos académicos, ten unha clara orientación interdisciplinar tanto nas materias que se imparten como nas actividades que se realizan. Pola súa banda, o de especialización consta de dous cursos académicos e, á diferencia do anterior, permítelle aos alumnos admitidos cursar materias pertencentes ás diferentes titulacións oficiais da Universidade de Vigo, compartindo aula co estudantado universitario xeral.

Josefina Reinoso, en representación do alumnado do Ciclo Intensivo, e Ana María Fernández, en representación do alumnado do de especialización, foron as persoas encargadas de falar do que foron estes anos de estudo, facendo un repaso polas anécdotas, as actividades e as experiencias académicas vividas durante ese período. Para completar o acto de graduación celebráronse dúas actuacións musicais, unha primeira a cargo dos profesores de música Laura Sobrado (violín) e Luís Eloy (piano) e unha segunda con Lourdes Vázquez (frauta) e Ángel Losada (piano). Por último, o coro do Programa para Maiores do campus, dirixido por José María González, interpretou para os seus compañeiros o himno da Universidade.