DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Programa de Maiores inicia o curso académico con preto de 40 novos estudantes

O interese por aprender e coñecer a vida académica da Universidade son algúns dos motivos que os lev

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 21/10/2009

Rafael Veleiro Vázquez traballou 29 anos como técnico comercial nunha multinacional. Agora, prexubilado, o interese por aprender e por coñecer a vida e a actividade na Universidade levouno a apuntarse ás Aulas de Formación Aberta da Universidade de Vigo, un programa que a institución académica ofrece ás persoas maiores de 55 anos. Alexandre Outeiriño Míguez, licenciado en Dereito e xornalista, xa xubilado, decidiu matricularse tamén no segundo ciclo das Aulas de Formación “para adquirir unha disciplina de estudo e maiores coñecementos en materias que me interesan moito, como son todas as relacionadas coa rama de Historia”, declara. O caso de Marisol Fernández Álvarez é similar ó de Alexandre. Diplomada en Educación Infantil, decidiu retomar a vida universitaria “para aprender novas cousas e atopar respostas a moitas das preguntas que os fillos nos fan a cotío”, sinala.
Rafael, Alexandre e Marisol son tres dos alumnos cos que contan as Aulas de Formación Aberta do programa de maiores da Universidade de Vigo. O acto de apertura do curso académico 2009-2010 tivo lugar este mércores no salón multiusos do Edificio de Ferro, no campus de Ourense e, no mesmo, participaron Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa; o profesor Pedro Rabanal e Josefina Pato, directora do Programa de Maiores.

Só lles move o interese e as gañas de formarse e de aprender

Na súa intervención, Pedro Membiela subliñou o alto grao de satisfacción que teñen tanto os profesores como os alumnos do programa. E revelou tamén que as razóns que levan ás persoas maiores de 55 anos a retomar os seus estudos son diferentes das dos máis mozos. “Aos maiores só lles move o interese e as gañas de formarse e de aprender, e isto é un aliciente porque implica un alto grao de esixencia para os profesores”, declarou. Así mesmo, Membiela puxo de manifesto a importancia que adquiren as aulas universitarias como lugar de convivencia para estes alumnos. “A Universidade xoga un papel fundamental na nosa formación, pero tamén nas nosas relacións. E neste colectivo as relacións son tamén moi importantes”, afirmaba.
O profesor Pedro Rabanal traballou de mecánico electricista, avogado e docente universitario antes de exercer a súa profesión actual como xuíz do Social en Lugo. Rabanal quixo poñer de manifesto a súa propia experiencia vital para demostrar “que ningunha idade é mala para vir a Universidade”. Da súa experiencia como profesor do Programa para Maiores da Universidade de Vigo subliñou que “atopeime cun alumnado excelente, moito máis interesante, interesado e agradecido que o que estuda de mozo”. Rabanal dixo tamén destes estudantes que son “un alumnado coherente, que goza das clases, que posúe coñecementos e que fan do profesor un alumno máis”, algo que, segundo revelou, é moi motivador para os docentes destas aulas.

Cen alumnos con idades arredor dos sesenta anos e cun perfil moi variado

O Programa para Maiores da Universidade de Vigo comezou a súa andaina no ano 2002. Na actualidade, estudan nas súas aulas do campus de Ourense preto de cen alumnos cuxa idade media rolda os sesenta anos e que posúen un perfil moi variado. Segundo Josefina Pato “temos dende persoas con estudos primarios ata xente con estudos universitarios rematados”. Preto de corenta novos alumnos comezarán os seus estudos neste curso 2009-2010, cunha finalidade, que é tamén a que impulsa a existencia destas aulas. Nas palabras de Josefina Pato, “o noso obxectivo fundamental é que estes alumnos adquiran cultura, que coñezan como é e como funciona a Universidade actualmente, e tamén que poidan coñecer a outras persoas coas mesmas inquedanzas ca eles”, sinala.