DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este mércores o seu acto de fin de estudos

O Programa para Maiores segue medrando con 27 novos graduados

A súa reponsable salienta a implicación e o traballo desta promoción 2011

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 30/11/2011

Teñen máis de 50 anos e veñen de celebrar este mércores o seu acto de graduación coma calquera alumno universitario. É dicir, con moita emoción e lembranzas e rodeados de familiares, amigos e compañeiros de fatigas académicas. Son os 27 novos graduados do Programa para Maiores do campus de Ourense, 17 estudantes do Ciclo Intensivo e 10 do Ciclo Superior, que este venres celebraron no Edificio Politécnico o remate dunha etapa pero a continuidade da súa formación, pois o que lle sobran son ganas de seguir aprendendo e medrando como persoas cada día.

O acto de graduación estivo presidido por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo; e Josefina Pato, directora do Programa para Maiores no campus ourensán. “A Universidade de Vigo está moi orgullosa de vós pola vosa implicación e polo voso interese, sodes un exemplo de vida para todos nós”, díxolles Xosé Henrique Costas aos novos graduados.

Un sentimento compartido por María Lameiras, escollida como madriña de graduación, que destacou como a ela sempre lle gusta referirse a este Programa para Maiores como “o buque insignia desta Universidade, porque sodes un colectivo totalmente entregado, motivado e coa sabedoría que dá a vida". Como exemplo desta implicación, Josefina Pato quixo salientar que boa parte dos estudantes desta promoción non só asistiron ás materias nas que estaban matriculados, senón que acudían a outras clases e participaban en todo tipo de actividades.

Pola súa banda, os alumnos que falaron en representación dos xa graduados amosáronse moi satisfeitos polo traballo realizado e polos anos de coñecementos e experiencias compartidos xuntos. Concepción Villar foi a encargada de facer un percorrido polas diferentes áreas do coñecemento abordadas e como o aprendido ampliou o coñecemento do mundo destes estudantes. Pola súa banda, Aurelio Sánchez quixo, desde a experiencia que dan os anos, “dar unha mensaxe de ánimo” aos fillos dos que forman parte destas promocións presentes no acto, a quen lles toca sacar adiante o país na situación de crise actual. Para rematar as intervencións dos estudantes no acto de graduación, no que actuou un Coro da Universidade de Maiores creado para a ocasión, Emilio Parada puxo un “viva esta xuventude” que arrancou o aplauso sentido dos asistentes e que exemplifica o espírito desta promoción.