DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun convenio entre Xunta, Universidade, Ministerio Fiscal e Consello Xeral do Poder Xud

O programa de mediación familiar achega á cidadanía viguesa a resolución de conflitos pola vía do diálogo

O servizo comezará a operar, previsiblemente, o 1 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/09/2012

Beneficios sociais, axilidade nos procesos de divorcio e separación, redución da carga de traballo dos xulgados e diminución dos custes emocionais para os implicados. Estes son algunhas das vantaxes da mediación familiar que se apoia na xustiza terapéutica para a resolución dos conflitos familiares pola vía do diálogo e do consenso. A cidade de Vigo contará con este servizo a partir do mes de outubro ao abeiro do convenio asinado este mércores entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Universidade de Vigo, o Ministerio Fiscal e o Consello Xeral do Poder Xudicial. Segundo explicou o conselleiro Alfonso Rueda este programa, que funciona xa en Santiago e en Ourense, “ten acreditado con creces a súa utilidade e viabilidade, os números demostran que se chega a acordos e sirve para descargar a litixiosidade e para chegar a unha mellor solución dos asuntos”. O papel da Universidade neste proceso de implantación foi fundamental, como indica Francisca Fariña, decana da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte e responsable dun dos dous grupos de investigación implicados. “É unha mostra máis da utilidade da transferencia de coñecemento e un recoñecemento ao noso esforzo pero tamén unha oportunidade de traballar dende o punto de vista práctico”, destacou Fariña.

O acto contou coa presenza do Fiscal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, a vicerreitora de Investigación da Universidade, Asunción Longo e os membros do CXPX, Manuel Almenar, Antonio Dorado e Margarita Uría. O servizo botará a andar, previsiblemente, o vindeiro 1 de outubro, sendo de carácter gratuíto e voluntario. No caso de que ambas partes acepten acollerse a este programa, contarán co asesoramento neutral e cualificado de profesionais do dereito e da psicoloxía, que actuarán como mediadores no conflito. A intervención destes profesionais buscará sempre promover un acordo duradeiro que sexa aceptado polos dous membros da parella, e que, posteriormente, só necesitaría ser ratificado xudicialmente. En 2011, nas cidades que contan con este programa, a metade dos casos que se abordaron remataron cun acordo que puxo fin ao procedemento xudicial.

Os beneficios sociais da mediación

A profesora Fariña incide na necesidade de seguir apostando pola mediación polos seus múltiples beneficios. Segundo a decana, traballar dende o punto de vista da xustiza terapéutica ten dado óptimos resultados noutras cidades xa que “está demostrado que a mediación nos casos de separacións e divorcios resulta beneficioso tanto para os membros da parella como para os fillos e fillas”. Fariña remarca que con este sistema elimínase o conflito, respéctanse os dereitos dos cativos e supón ademais “un aforro social”. Refírese con isto a que a mediación non só aforra tempo e cartos nos procesos e diminúe a carga de traballo dos xulgados, senón que mitiga os problemas físicos e emocionais das partes implicadas e axiliza a estabilización da vida familiar, aínda que cunha estrutura diferente da que tiñan anteriormente.