DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade participa por segunda vez nesta rede interuniversitaria de emprendemento sénior 

O programa ‘TaleS’ permitirá a 15 persoas maiores de 50 anos desenvolver na UVigo as súas ideas de negocio 

As seleccionadas participarán nun programa formativo de 14 semanas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/04/2024

Promovido polo Centro de Investigación Ageingnomics, da Fundación Mapfre, e o Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE), TaleS é un programa de apoio ao emprendemento sénior que se desenvolve en sete universidades españolas e que permite a maiores de 50 anos recibir formación sobre como idear, desenvolver e validar un proxecto empresarial. Desde este luns 15 de abril permanece aberta a inscrición nunha iniciativa da que a Universidade de Vigo forma parte por segundo ano consecutivo. Baixo a coordinación da profesora da Facultade de Comunicación Monste Vázquez, a institución viguesa contará con 15 prazas nesta "rede interuniversitaria de emprendemento sénior", que desenvolverá na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra un programa formativo, para logo decidir cal das ideas de negocio desenvolvidas tomará parte na final estatal.

Da man da Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo, centrada en combater o conxunto de prácticas que discriminan ás persoas por razóns de idade, a Universidade de Vigo sumábase o pasado ano por primeira vez a este programa, que contará nesta edición con 105 prazas, repartidas entre as sete universidades participantes. Xunto á institución viguesa repiten presenza as universidades de Cantabria, Extremadura, Granada e Las Palmas de Gran Canaria, incorporándose nesta terceira edición as de Barcelona e Autónoma de Madrid. 

Inscricións ata o 5 de maio

Aberto a calquera persoa que teña 50 anos ou máis ou que vaia cumprilos neste curso, TaleS mantén aberta a súa inscrición ata o 5 de maio e está dirixido tanto a emprendedores e emprendedoras sénior que queiran aprender a desenvolver as súas ideas, como a profesionais que estean repensando o seu futuro laboral e a persoas que queiran ampliar a súa rede de contactos e colaboracións. As persoas seleccionadas neste programa gratuíto obterán formación e acompañamento no desenvolvemento das súas ideas de negocio e tomarán parte nun programa formativo de 14 semanas, que arrancará a finais de maio, combinando sesións presenciais e virtuais. Este permitiralles formarse en “metodoloxía Lean Startup, Design Thinking, validación, prototipado ou orientación ao cliente, entre outras materias”,  á vez que “traballarán en equipo e conectarán con outros emprendedores, tanto novos como sénior”, sinalan desde a organización. 

As persoas seleccionadas en cada unha das sedes do programa optarán tamén a participar na final estatal de TaleS, á que acudirá a mellor proposta de cada unha das universidades e na que decidirase o gañador do premio ao mellor proxecto, que conta cunha dotación económica de 1000 euros. Na anterior edición, a UVigo estivo representada nesta final por Lar de Sopas, un espazo de encontro interxeracional centrado na gastronomía e nas tradicións. 

O impulso dun “ecosistema de talento sénior”

Orientado a “aumentar o ecosistema nacional de talento sénior que se viu incubando ao longo das dúas primeiras edicións”, en TaleS participaron xa preto dun centenar de persoas maiores de 50 anos. Nese senso, o director executivo do CISE, Manuel Redondo, define este programa como unha “excelente oportunidade” para un colectivo “experto e de gran talento”, que verá enriquecida “a súa experiencia persoal e profesional cunha inmersión práctica na contorna empresarial a través do emprendemento”. Nesa mesma liña, o director de Ageingnomics, Juan Fernández Palacios, destaca que “o emprendemento é unha vía principal para aqueles membros da xeración sénior con vocación de manterse activos” e que esta plataforma proporciona “orientación e técnicas básicas” para abordar “proxectos que sirvan para pór en valor os coñecementos e a experiencia acumulados tras moitos anos de desempeño profesional”.

TaleS é un programa promovido polo Centro de Investigación Ageingnomics, que ten entre os seus obxectivos “divulgar unha mirada positiva do cambio demográfico, sobre a base das oportunidades económicas e sociais que supón o envellecemento da poboación", e o Centro Internacional Santender Emprendimiento. Pertencente á Fundación para el Estudio y la Investigación del Sector Financiero da Universidad de Cantabria, e apoiado polo goberno desta rexión e o Banco Santander, o seu obxectivo é “desenvolver programas formativos que estimulan a creatividade e a cultura emprendedora”.