DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co acto que este venres tivo lugar na Escola de Enxeñaría Forestal

O Programa Universitario de Maiores abre en Pontevedra as conmemoracións do seu 20 aniversario

255 persoas participaron nesta iniciativa no campus ao longo destas dúas décadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/06/2022

Ao longo das últimas dúas décadas, 255 alumnos e alumnas formáronse no campus de Pontevedra no Programa Universitario de Maiores (PUM), que este venres celebrou na Escola de Enxeñaría Forestal o primeiro dos actos conmemorativos do seu 20 aniversario. Coa presenza de estudantes de diferentes promocións, o acto contou coas intervencións do vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto; a directora da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP), o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e a presidenta da asociación de alumnado sénior do campus Asaexs, Gloria Prieto, así como coa actuación do grupo de zanfonas da Aula de Música Tradicional e cos discursos de José María Fernández e Patricia Vilán, en representación, respectivamente, dos 255 alumnos e alumnas e 73 docentes cos que contou o programa no campus ao longo destes 20 anos.

Do balance do realizado aos retos de futuro

O acto abriuse coa intervención da directora da EAFP, na que se integrou en 2020 "un programa que en moitas cousas é un referente a nivel nacional” e que está incluído“na oferta formativa da Universidade en condicións moi similares a outros títulos propios”, como salientou Moure. Dirixido a contribuír a “proporcionar formación ao longo da vida”, o PUM conta actualmente con preto de 400 estudantes no tres campus, 88 no de Pontevedra, e oferta tanto un ciclo intensivo de Cultura e Sociedade, con materias específicas, como un ciclo integrado no que as e os participantes comparten materias co alumnado de grao.

Nese senso, ademais de para facer balance, este acto serviu para pór de relevo o compromiso da UVigo “pola continuidade e mellora deste programa”, como salientou Moure, que sinalou varios dos “principais obxectivos a curto prazo” para o PUM. Entre outros, explicou, acadar “unha maior integración coa comunidade universitaria, fomentando as actividades formativas interxeracionais, pero tamén a representación das persoas maiores na gobernanza da Universidade, unha maior participación en actividades de innovación educativa e proxectos de investigación”, complementar a formación con cursos monográficos, facilitar o aceso a persoas que residan en vilas a través da docencia virtual ou incorporar a estes estudos “un sistema de garantía de calidade”.

“A vida é unha continua aprendizaxe”

Como “un exemplo de afouteza, esforzo e vontade por seguir formándose e superándose” definiu ao alumnado sénior o vicerreitor do campus, quen convidou a emular “a actitude da familia do PUM, que ano tras ano demostra que a vida é unha continua aprendizaxe”. Previamente, Soto puxo en valor tanto o labor de Antón Fernández, quen, como vicerreitor de Titulacións, Posgrao e Formación Permanente, impulsou esta iniciativa en 2002; como dos cinco coordinadores que tivo o programa no campus, Santiago Guevara, José María Gil, Ana Acuña, José María Pazos e, na actualidade, Iván Martínez.

Marcos Rey, pola súa banda, destacou o “excelente labor” que a Universidade está levando a cabo neste eido, mentres que Gloria Pérez lembrou na súa intervención o efecto que tivo no colectivo a covid-19, “que nos converteu en series máis vulnerables, en poboación de risco”. Neste punto, a presidenta de Asaexs valorou o compromiso da UVigo, "que a diferencia doutras universidades, non pechou os nosos programas”, aínda que o paso a virtualidade fixera “abandonar a moitos”. De aí que puxese o acento na importancia que ten a presencialidade “nesta experiencia de aprendizaxe altamente enriquecedora".  

As universidades mudaron a percepción social dos maiores

Alumno do PUM desde o curso 2011-2012 e primeiro presidente de Asaexs tras a reactivación da asociación en 2015, José María Fernández lembrou na súa intervención que os programas de maiores contan con máis de 63.000 matriculados no conxunto do Estado. “As universidades contribúen de forma decisiva a promover un cambio das percepcións sociais sobre quen somos e que somos capaces de facer as persoas maiores”, salientou Fernández, que defendeu que o da UVigo é un programa que se atopa “á cabeza, tanto en calidade, como na oferta de materias, sendo a única que ofrece un ciclo integrado e que un título propio”. 

Responsable desde hai 16 anos de impartir no programa a materia de Filosofía do Dereito, Patricia Vilán lembrou tanto a súa experiencia como docente, na que buscou que o alumnado tivese “unha visión crítica e reflexiva de para que serven as normas”, como os cambios vividos polo programa ao longo destes anos. “Cambiaron moitas cousas, pero o que non mudou foron as vosas ganas de aprender todos os días”, sinalou ao alumnado presente nun acto no que tamén participaron Marina Troncoso e Alejandro Otero, presidentes da confederación estatal e da federación galega de alumnado sénior, respectivamente.

O vindeiro venres 10, a conmemoración do 20 aniversario do PUM trasládase ao campus de Ourense, co acto que terá lugar ás 18.00 horas no edificio Xurídico-Empresarial, e complétase o 17 de xuño co acto que terá lugar en Vigo, coincidindo coa graduación das novas promocións.