DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A bolsa vai dirixida a estudantes de ciencias e enxeñaría

Programa Vulcanus: destino, Xapón

Os interesados poden presentar as solicitudes ata o vindeiro 11 de xaneiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez. DUVI 05/12/2012
Realizar prácticas preprofesionais en Xapón é posible grazas a unha nova edición do programa Vulcanus. Dende a súa creación no ano 1997, esta iniciativa está pensada para ensinar ao estudantado de ciencias e das diferentes ramas da enxeñaría o abano de avanzadas tecnoloxías utilizadas polas empresas do país de acollida, así como a cultura e a lingua niponas. Deste xeito, “facilítase que os futuros profesionais adquiran a experiencia necesaria para estreitar lazos e interactuar con empresas e cidadáns xaponeses ao longo da súa vida laboral”, indica Eva Garea, técnica superior de Relacións Internacionais.

Requisitos dos candidatos

As prácticas ofertadas durarán un ano académico, adaptándose ao calendario europeo para cubrir as necesidades do alumnado participante. Os candidatos á bolsa de prácticas terán que ser cidadáns da Unión Europea e estar matriculados como mínimo no terceiro curso de carreira nunha universidade de Europa que recoñeza a posibilidade de estudar un ano no estranxeiro. As áreas prioritarias son Enxeñaría Informática, Científica, Química, Mecánica, Electrónica, Física, Telecomunicación, Nuclear, Civil, Metais, Cerámica ou Sistemas de Produción. Á hora de facer a selección, “tomarase coma base o seu expediente académico e a opinión dos titores, o coñecemento escrito e falado da lingua inglesa e a súa capacidade para adaptarse a unha cultura diferente”, puntualiza Garea facendo referencia ás bases da convocatoria.

Ademais, e co fin de facilitar a súa integración no país de destino, os seleccionados tamén participarán nun seminario dunha semana de duración no que recibirán toda a información sobre Xapón, así coma un curso intensivo do idioma de catro meses de duración.

Financiamento da bolsa

O programa está financiado polo centro UE-Xapón para a Cooperación Industrial e polas empresas xaponesas onde realicen as prácticas os seleccionados. Os estudantes reciben unha bolsa para cubrir os gastos tanto da viaxe coma da vida no país de destino. O curso de inmersión lingüística e o seminario non supoñen ningún custo a maiores e o aloxamento proporciónase de forma gratuíta durante todo o período de prácticas.

Os interesados poderán presentar as solicitudes na Oficina de Relacións Internacionais ata o 11 de xaneiro de 2013.