DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No ciclo ‘Músicas para reCREAr’, que arranca o vindeiro mércores 20 

A programación cultural do campus levará a Galifunk Brass, Lontreira e Ailá ao Teatro Principal

Tamén se poñen en marcha a aula de música tradicional e o obradoiro de baile galego

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/09/2023

Propór un achegamento a múltiples estilos e tendencias musicais é un dos propósitos centrais do ciclo Músicas para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra e que, co inicio do curso, retorna ao Teatro Principal con tres concertos con entrada gratuíta. Esta programación arranca o vindeiro mércores 20 con Galifunk Brass, unha formación inspirada nas brass band americanas, e continúa o 25 de outubro con Lontreira, para acoller o 15 de novembro un concerto da banda de música tradicional Ailá. 

Como explica o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, trátase de tres concertos programados para as 21.00 horas que se enmarcan no obxectivo da Universidade de impulsar unha programación para a toda a cidadanía e que se insiren á súa vez na aposta pola cultura do proxecto de especialización Campus Crea. “A cultura é un aspecto fundamental da creatividade”, lembra Torres, que incide en que este é un ciclo que busca acoller “todo tipo de música”, que se suma á súa vez á aposta da Vicerreitoría pola música tradicional. De feito, neste mes de setembro abriuse novamente a inscrición na Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus, que xa cubriu todas as súas prazas, e na segunda edición do obradoiro de introdución ao baile tradicional galego Como bailar nun serán, que a vindeira semana abrirá a súa matrícula ao conxunto da cidadanía, tras un primeiro prazo dirixido á comunidade universitaria e participantes na primeira edición.

Tres citas coa música en directo

Con entrada libre ata completar a capacidade da sala, esta nova edición de Músicas para reCREAr ábrese o vindeiro mércores coa actuación de Galifunk brass, unha formación impulsada hai catro anos por un grupo de músicos profesionais que, inspirándose nas brass band americanas, deron forma a un variado repertorio, no que inclúen versións propias de temas de estilo disco, funky ou R&B. 

Xa en outubro, o mércores 25 chegará a quenda de Lontreira, formación creada o pasado ano por Héctor Rodríguez, Iván Baral e Adriana Cores, que combina os sons electrónicos con diferentes estilos musicais. Tras proclamarse gañadores do concurso da CRTVG Canción do verán, coa súa canción Flor de Toxo, Lontreira estreaba recentemente o seu primeiro disco Apnea, que presentan como “un conxunto de sons e culturas do mundo”, á vez que eran nomeados finalistas na categoría de grupo emerxente dos premios Martín Códax. Recentemente tamén lograban a súa inclusión na selección de artistas que optarán a participar na próxima edición do Benidorm Fest.

Finalmente, o 15 de novembro terá lugar o concerto de Ailá, unha formación que se presenta como “unha proposta inspirada no respecto á tradición e á música tradicional galega, pero cunha visión sen fronteiras, mesturada con aromas, ritmos e cores doutros lugares e culturas”. Integrada por Ángela Carou (voz e percusión), Manuele Prado (voz, percusión e gaita), Abel Gañete (fliscorno e trompeta) e Xan Pampín (acordeón e bombo), Ailá estreaba recentemente o seu disco Sansonlimón, no que presentan, explican, “un repertorio pensado para cantar e bailar”, na súa aposta por achegar “unha nova sonoridade” ao repertorio tradicional.

Aposta pola música e o baile

Sumada á programación cultural, a Vicerreitoría abría esta semana a inscrición na segunda edición de Como bailar nun serán, un obradoiro de iniciación ao baile galego impartido pola mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Montse Rivera, integrante do grupo Leilía. Aberta a un máximo de 40 persoas, a inscrición nesta actividade arrancou esta semana cun primeiro prazo reservado á comunidade universitaria e outro para as persoas participantes na anterior edición. Pechados estes, o luns 18 abrirase un terceiro para o público xeral, ata completar as prazas vacantes, e está previsto que a actividade bote a andar o 28 de setembro. Dirixido a iniciar aos e ás asistentes nos principais ritmos do baile tradicional, como a muiñeira e a xota, o obradoiro estruturarase este curso en dous grupos, “un de iniciación, para a xente que parte desde cero, e outro de continuación, para as persoas que xa asistiron o curso pasado”, explica Torres.

A esta iniciativa súmase unha nova edición da Aula Permanente de Música Tradicional Galega, que a vindeira semana comezará de novo a súa actividade tras cubrir todas as súas prazas. Coordinada polo gaiteiro Suso Vaamonde, a aula encara este novo curso co obxectivo de consolidar o seu grupo de música tradicional. De feito, tras as múltiples actuacións tanto do seu formato de gaitas e percusión como de zanfonas e acordeóns, un os propósitos para este ano é impulsar a orquestra de instrumentos populares galegos, na que se integran todas e todos os participantes e que o pasado mes de xuño protagonizaba un dos concertos da aula nas prazas de Pontevedra.