DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha ampla oferta de actividades dentro e fóra das instalacións universitarias

A programación deportiva do campus ponse en marcha

Entre as novidades do primeiro cuadrimestre está un ciclo específico para mulleres

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 15/09/2017

O curso académico 2017/2018 xa está en marcha e en marcha está tamén a programación de actividades coas que a Universidade de Vigo quere complementar a formación integral dos seus membros. Co obxectivo un ano máis de fomentar a actividade física e a vida saudable entre alumnado, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador, a Área de Benestar, Saúde e Deporte ofrece unha ampla oferta de instalacións e actividades, que abranguen desde a práctica do rugby a bailes de salón. Entre as novidades deste primeiro cuadrimestre está un ciclo centrado na muller e a consolidación do servizo de adestramento personalizado en pequenos grupos.

Como cada curso, explica Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense, a programación que desde este servizo ofrecen á comunidade universitaria intenta dar resposta ás necesidades e preferencias do abano máis amplo posible de públicos. Deste xeito, apunta, a programación está pensada para atender tanto ás persoas que queren realizar actividade física por libre como en grupos; tanto para as que queren facer deporte de xeito puntual como ao longo do curso ou cuadrimestre e tanto para as que prefiren e tanto para as que parten de cero ou xa teñen unha base. A isto se engade o feito de que a programación tamén ofrece un moi amplo abano de modalidades deportivas e de instalacións dentro e fóra do campus.

Para todos os públicos

Seguindo a liña de traballo de anos anteriores, a programación deste curso aposta por consolidar as actividades que cada ano son máis demandas polos usuarios e ofrecer novas propostas co obxectivo de incrementar a calidade dos servizos que se prestan e tamén de atraer novos públicos á práctica do exercicio físico. As actividades propias dentro do Pavillón de Deportes comezarán o día 2 de outubro e abranguerán modalidades como hipopresivos, exercicio terapéutico, MMA, circuit fit, ciclo indoor, power dumbell, zumba e bailes de salón. Entre as novidades da programación deste curso, sinala Rodrigo Alberte Pivida, está un ciclo pensado especialmente para atender as necesidades específicas de mulleres, incluíndo actividades de solo pélvico, ioga, defensa persoal e fit 45.

Tamén se manteñen as escolas deportivas vinculadas a equipos do campus de Ourense, como son as de fútbol gaélico, rugby, voleibol e xadrez, onde os clubs levan a cabo a formación dos seus xogadores e xogadoras para a competición. Esta oferta complétase coa que se ofrece aos membros da comunidade universitaria nas entidades colaboradoras, que este curso son Sabrosura, Marbel, Dinamic, Gimnasio 2000, Saraiba, Padel Prix, Camino Pilates, AQA e instalacións do Concello de Ourense. Nas instalacións destas entidades os membros da comunidade universitaria alén de actividades dirixidas a eles especificamente teñen descontos no resto da súa programación, comenzando a súa actividade a partir do 18 de setembro.

Este curso tamén se apostará pola consolidación do servizo de adestramento personalizado en pequenos grupos, coordinado por un especialista do ámbito da saúde e que conta cun grupo multidisciplinar de traballo formado por un médico especialista en medicina deportiva, unha titulada en fisioterapia e osteópata, un especialista en nutrición e dietética e outro en actividade física. A duración do programa é desde o 18 de setembro ata o 31 de maio, incluíndo dúas sesións semanais de exercicio físico en pequenos grupos con monitor. Neste adestramento persoal, indican os seus responsables, prescríbese exercicio dun xeito individualizado tendo en conta os obxectivos que persigue cada usuarios, insistindo na saúde, o rendemento e a recuperación funcional a través de grupos moi reducidos de traballo.

Por último, para aquelas persoas ou grupos que non queiran facer actividades e que prefiran a práctica deportiva libre, tanto os membros da comunidade universitaria como as persoas alleas poden facer uso das instalacións universitarias a través de diferentes abonos e reservas. Ademais, un ano máis, os amantes de camiñar poderán ao longo do curso participar nas rutas culturais; as persoas ás que lles gusta a práctica do deporte en grupo poden apuntarse a diferentes equipos do campus e os membros da comunidade universitaria que queiran coidarse de xeito integral teñen á súa disposición o Programa Ponte en Forma e os servizos de Fisioterapia e Medicina Deportiva, entre outras posibilidades.