DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A oferta cultural do campus, totalmente gratuíta, está aberta a toda a cidadanía

A Programación Primavera 2013 traerá á cidade espectáculos alternativos pouco habituais en Galicia

Haberá toda unha serie de actividades que se desenvolverán do 6 de febreiro ao 17 de abril

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
D. Besadío DUVI 18/01/2013

“É unha programación diferente dirixida a un público que busca novidades, actividades e espectáculos que normalmente non veñen a Pontevedra”. Así define Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra a Programación Primavera 2013 que agora se presenta e que durante algo máis de dous meses, pese á crise e aos recortes orzamentarios, retarán a cidadanía pontevedresa a achegarse á Casa das Campás a gozar de toda unha serie de actividades nas que non faltará a música, a danza, o cine, o teatro…

Se no outono se busca un obxectivo formativo, na primavera a programación cultural é moito máis lúdica e festiva. A crise e as restricións orzamentarias reduciron moito as posibilidades, pero, aínda así, dende a Vicerreitoría do campus segue a apostarse por manter unha programación cultural de calidade, “aínda que durante menos tempo e tamén menos días á semana”, subliña Fernández Souto, ao fío que explica que hai uns anos as actividades mantíñanse ao longo de varios meses durante todos os días a semana “e isto é algo que agora non podemos permitirnos”.

Dous clásicos: jazz e teatro

Un dos clásicos desta programación é o ciclo Derradeira e definitiva, que un ano máis, será a proposta para os venres. Ás veces na Casa das Campás, ás veces na Facultade de Belas Artes, traerá á cidade música, centrada sobre todo no jazz, teatro “cunha programación bastante alternativa” e tamén danza, unha liña na que destaca a participación de Bey pro action, a primeira compañía artístico-deportiva integrada de España. “Trátase dunha fundación de persoas discapacitadas que se dedican á danza e o espectáculo e que farán un flashmob”, explica Fernández Souto, que destaca tamén a actuación de Velpister “unha performance na que vai haber música, lectura poética e danza, e para a que imos a contar con un piano de cola que se instalará na propia Casa da Campás”.

Outro clásico son as xornadas De promesa a realidade coas que, primavera tras primavera, se achega a experiencia de ex-alumnas e alumnos da Universidades convertidos en profesionais de éxito. “Este ano a experiencia centrarase en antigos alumnos de Belas Artes, que estudaron en Pontevedra, no seu día foron promesas e hoxe, tras triunfar no seu ámbito, son realidade e veñen como profesionais xa recoñecidos a contar a súa experiencia”, recalca a directora da Área Cultural, que adianta que a cita será os xoves do 14 de marzo ao 11 de abril e nela participarán a deseñadora Eva Monroy, o ilustrador Alberto Guitián; a investigadora, docente e artista plástica, Maribel Castro e o ensaista, comisario e cineasta, José Manuel Mouriño.

A programación cultural trae tamén consigo un novo ciclo de cine, unha actividade que nesta ocasión dirixirá a ollada á comedia hollywoodiense dos anos trinta e corenta e, máis concretamente, ás relacións home-muller, xa que nesta época se levaron a cabo unha significativa cantidade de obras “que ilustran á perfección as diferenzas entre a psique femenina e a masculina”.

Actividades gratuítas e abertas a toda a cidadanía

A programación, totalmente gratuíta, non está limitada á comunidade universitaria, “senón todo o contrario, a nosa intención é traer a toda a poboación da cidade de Pontevedra e da súa contorna”, subliña Fernández Souto, ao que engade que a experiencia dos últimos anos pon sobre a mesa que as persoas que se interesan neste tipo de programación son moi diversas “sobre todo no ciclo Derradeira e definitiva, onde te atopas dende xente maior, a xente que pasa pola rúa e non sabe o que hai, pero entra, quédase e xa se fideliza, universitarios… en definitiva, un pouco de todo”.

Ademais destas actividades, a programación inclúe tamén varias conferencias e cursos de formación, así como a exposición Anne Berning na sala X da Facultade de Belas Artes que se manterá aberta do 7 de febreiro ao 22 de marzo.