DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 13 de maio

A programación de rutas culturais deste curso rematará en Portugal percorrendo os Passadiços do Paiva

A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Visitas
  • Deportes
DUVI Ourense 09/05/2023

O sábado 13 de maio celebrarase a última andaina da programación de rutas culturais que este curso académico e este cuadrimestre organizou a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. Nesta ocasión, o destino será os Passadiços do Paiva en Arouca (Aveiro, Portugal). A inscrición está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.

Os Passadiços do Paiva, lembran desde a organización dos roteiros da UVigo, é un sendeiro de case nove quilómetros sobre pasarelas de madeira xunto ao río Paiva, rodeado dunha gran riqueza natural, que xa recibiu no curso 2018/19 a visita das rutas culturais da Universidade de Vigo. Cunha dificultade media-baixa, o percorrido que farán as e os participantes nesta andaina constará de 11 quilómetros (Vilarinho-Areinho-Espiunca) para tentar descubrir a historia non só natural e paisaxista, senón tamén xeológica deste enclave, onde Arouca é xeoparque declarado pola Unesco Patrimonio Xeolóxico da Humidade. “Nesta derradeira ruta do programa 2022/23 queriamos dar a coñecer a zona do río Paiva, xa non só ese circuíto en pasarelas de madeira, senón tamén a ponte colgante de Arouca, a Ponte 516 que separa cada unha das ribeiras do río”, explican desde a organización da actividade. Por esta ponte, por cuestións de seguridade, só pode pasar un determinado número de persoas, sendo neste caso 20 persoas en dúas quendas as que o farán.

Autobuses desde os tres campus da UVigo

Hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. As persoas menores de 16 anos que desexen participar nesta actividade irán sempre acompañadas dunha persoa adulta responsable e deberán poñerse en contacto coa organización para formalizar a súa inscrición.

O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poden descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas. O equipo aconsellable para todas as rutas é, segundo indica desde a organización, mochila pequena con chuvasqueiro, paraugas, apósitos para as bochas, muda completa, navalla, cantimplora ou similar e, a partir do mes de marzo, viseira ou gorra. Para todas as andainas as persoas participantes levarán a súa comida (bocadillos, froita, froitos secos, bebidas, etc.).