DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha serie de avaliacións do rendemento das que se deriva un plan de adestramento

As promesas da vela galega optimizan a súa preparación física da man de investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte

Nunha iniciativa dirixida aos e ás participantes do programa de tecnificación da federación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/01/2024

Un total de 23 mozos e mozas foron seleccionados nesta tempada para o Programa de Tecnificación CGV-CGTD da Federación Galega de Vela, no que se forman as novas promesas deste deporte, que contan coa colaboración do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte na súa preparación física e readaptación, naqueles casos en que sexa necesaria tras unha lesión. Co obxectivo de definir uns plans de adestramento que permitan tanto mellorar o seu rendemento á hora de realizar diferentes manobras nas embarcacións, como previr posibles lesións, os investigadores e investigadoras realizan unhas avaliacións do rendemento destes deportistas, orientadas ao sistema neuromusculular e o desenvolvemento motor. Os seus resultados serven á súa vez para a definición duns plans de adestramento, centrados tanto no traballo de forza como “de flexibilidade e mobilidade, que son claves para o seu desenvolvemento”, como explica Óscar García, responsable deste laboratorio e decano da facultade. 

Esta colaboración dá continuidade a un contrato de I+D desenvolvido a pasada tempada e “do que tanto a federación coma nós quedamos moi satisfeitos”, sinala García. Partindo de que a vela é un deporte no que os aspectos técnicos e tácticos son determinantes, pero no que un nivel físico óptimo pode resultar clave á hora de obter as máximas prestacións da embarcación, este proxecto orienta a preparación de rapaces e rapazas de categoría xuvenil ao seu correcto desenvolvemento a longo prazo. “Non buscamos un rendemento físico inmediato. Traballamos con xuvenís que aspiramos que o día de mañá estean no equipo español e ese un camiño moi longo”, subliña o director deportivo da federación, Bruno Gago, que sinala que o obxectivo “dunha colaboración que é un luxo” é que estes deportistas “teñan unhas bases que lles permitan desenvolverse na mellor dirección”.

Avaliación e planificación do adestramento

Como explica Gago, deste programa de tecnificación forman parte tanto os cinco deportistas beneficiarios dunha bolsa para formarse no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), como outros 18 que realizan os adestramentos específicos no Centro Galego de Vela (CGV), en Vilagarcía de Arousa. Ambos grupos sométense na facultade a unha primeira avaliación do rendemento, que abrangue un conxunto de probas de potencia, forza máxima, velocidade, axilidade, mobilidade articular, control postural ou asimetrías laterais e funcionais. Dando continuidade ao traballo desenvolvido o ano pasado, os investigadores realizan nesta ocasión “probas moito máis específicas”, nalgúns casos con protocolos “deseñados desde cero”, como sinala García, que incide no positivo desta colaboración á hora de “pór en práctica moitas ideas cunha poboación especializada”.

Despois de realizar en decembro a primeira avaliación dos deportistas do CGTD, estas probas completaranse en febreiro cos e coas participantes no programa no CGV e implicarán posteriormente a realización dun seguimento e de novas avaliacións. Os resultados acadados permitirán definir un programa de preparación física que, como explica García, ten como principal obxectivo contribuír “ao seu desenvolvemento neuromuscular”. Neste punto, o investigador lembra que o traballo realizado o pasado ano puxo de relevo a importancia que ten o traballo de flexibilidade e mobilidade no desenvolvemento destes deportistas. “Nestas etapas, máis que mellorar o rendemento, é clave detectar déficits de mobilidade, que non existan asimetrías importantes”, engade. Nesa mesma liña, Gago destaca os resultados que este traballo supuxo xa a pasada tempada, na que “deportistas que viñan carreando algunha molestia, especialmente por cargas posturais, completaron a tempada a un nivel de rendemento físico excepcional”.  

As pautas definidas orientarán o traballo como preparador físico do tamén integrante do laboratorio Ginés Martínez, que se encarga tanto de dirixir as sesións de traballo dos deportistas que contan cunha bolsa no CGTD como de facer un seguimento daqueles que adestran no CGV.