DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado da Facultade de Ciencias de Ourense celebrou o seu acto de graduación

Unha promoción con moita ciencia

Ciencia e Tecnoloxía dos alimentos, Enxeñaría Técnica Agrícola e Física contan con 36 novos egresado

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 17/06/2011
En todo acto de graduación é inevitable falar de futuro e falar de futuro agora mesmo é falar de superar a crise. Para conseguilo, a ciencia, a I+D+i e os seus profesionais perfílanse como axentes fundamentais para o cambio. Con este reto por diante terá que enfrontarse a nova promoción da Facultade de Ciencias de Ourense que este venres celebrou o seu acto de graduación. 36 novos profesionais das áreas de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Enxeñaría Técnica Agrícola e Física que inician con ilusión e gañas unha nova etapa da súa vida.

O acto de graduación contou coa presenza de Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus; Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias de Ourense; Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno en Ourense; e Francisco Rodríguez, alcalde da cidade, ademais de numerosos profesores, compañeiros, amigos e familiares dos egresados que enchían a aula magna do Edificio Politécnico.

En total foron 36 os alumnos que un a un acudiron a recoller, entre a emoción e o sorriso, as súas bandas e diplomas das licenciaturas de Enxeñaría Técnica Agrícola; de Física e da licenciatura e do mestrado de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Entre eles outorgáronse ademais tres premios especiais. Raquel Noguerol foi distinguida co Premio Julia Franco ao mellor proxecto de fin de mestrado; Francisco Javier del Río recibiu o premio ao mellor proxecto de fin de carreira no ámbito enxeñeril, outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Peritos Agrícolas, e Alberto Vara e Laura Castro recibiron o Premio Sonia García Falcón ao mellor proxecto de fin de carreira no ámbito alimentario. Este último premio foi creado en homenaxe á falecida profesora do centro, á que se lle rendeu unha emotiva homenaxe durante o acto de graduación.

Tres saídas

A estes novos profesionais, Victoria Jato animounos a “non amedrentarse pola situación” e a aproveitar todas as oportunidades que lles brinda o futuro, un futuro no que, destacou, “a ciencia pode ter un papel fundamental na resolución de moitos dos problemas que temos nestes tempos de crise”. Un sentimento compartido polo decano da Facultade de Ciencias de Ourense. Pedro Araújo quixo transmitirlle ademais aos novos egresados que “isto non é o final senón o principio da vosa formación continua” na cal “esta casa sempre estará aquí para vós, que sodes a nosa mellor carta de presentación”.

En representación de todos os egresados seis deles interviron para agradecer a profesores, compañeiros, familiares e amigos a compaña nos anos de estudo e para facer un pouco de memoria en homenaxe aos bos momentos compartidos xuntos. Tamén houbo tempo nos seus discursos para falar de futuro, un futuro que teñen claro como abordalo aplicando a visión científica. “Se algo nos quedou claro nesta carreira é que en España ten tres saídas: por terra, por mar e por aire”, resumía con sentido do humor, ironía e moita ciencia a egresada Marta Ramil.