DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Propósito de Aninovo: todos "a correr" e "en boa forma"

A Área de Deporte e Saúde fomenta a actividade física personalizada co asesoramento de profesionais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 21/12/2009

Cando alguén imaxina a universidade pensa en longas xornadas de estudo, docencia e investigación, pero tamén é un lugar propicio para o fomento de hábitos saudables, que atenúen o sedentarismo propio desas actividades. Neste camiño o Servizo de Saúde e Deporte do campus de Pontevedra pon en marcha os seus programas A correr e En boa forma de cara ao vindeiro ano. Dirixidos a toda a comunidade universitaria, propoñen facer exercicio de forma personalizada, co asesoramento de profesionais tanto do ámbito da actividade física como da medicina deportiva. As dúas actividades teñen unha vixencia de tres meses de duración, contados a partir da data de inscrición, e poden seguirse de xeito combinado.

Preparación de carreiras populares

O obxectivo xeral do programa A correr é mellorar a condición física a través da carreira a pé, unha actividade coa que se pode gozar na compaña doutras persoas. Para isto o programa ofrece asesoramento e seguimento individual a aquelas persoas que queiran iniciarse nunha actividade física saudable que teña como base a carreira. No particular está pensado para a preparación específica de probas atléticas en pista ou carreiras populares, como a medio maratón Vig-Bay que terá lugar no mes de abril. Neste caso ofrece un servizo de deseño e seguimento de programas de adestramento individualizados por parte dun licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Así mesmo, realizarase unha avaliación periódica da progresión de cada usuario a través dun test de avaliación da condición física e do rendemento. Deste xeito, os obxectivos poderán modificarse en función da evolución particular de cada atleta. A base de operacións desta actividade será o Pavillón Universitario, polo que todos os itinerarios escollidos comezarán e rematarán nel e poderá combinarse a carreira con sesións na sala de cardio-fitness.

Reducir os factores de risco cardiovascular e as doenzas posturais

O cometido xeral do programa En boa forma é deseñar programas de adestramento personalizados en función dos obxectivos e do estado de forma actual dos seus usuarios e usuarias. Como finalidades concretas contempla non só mellorar a condición física saudable e a calidade de vida dos asistentes, senón tamén axudar a controlar ou a reducir os factores de risco cardiovascular e a mellorar as doenzas posturais e osteo-musculares. Así mesmo, abrangue a preparación de probas deportivas específicas.
Como complemento ofrece un servizo de asesoramento e seguimento médico. Dentro do período de duración da actividade cada usuario poderá realizar dúas revisións gratuítas. Na primeira avaliarase o seu estado físico inicial con diferentes probas e análise da súa historia clínica. Ao remate do programa realizarase unha consulta para comprobar a súa efectividade, na que se medirán os parámetros asociados a unha condición física saudable: antropometría, forza e resistencia muscular, flexibilidade, equilibrio e resistencia cardiorrespiratoria.

De balde para os usuarios da TDU

Para o desenvolvemento destas dúas actividades estableceranse uns días e uns tempos xerais de adestramento, que poderán adaptarse á dispoñibilidade de cada persoa. O custe no caso do En boa forma será de 60 € polos seus tres meses de duración. Os usuarios da TDU (Tarxeta Deportiva Universitaria), que ten unha vixencia de tres meses, poderán pasarse gratuitamente a este programa. No tocante ao A correr poden apuntarse tamén de balde os usuarios da TDU e os do programa En boa forma. As persoas inscritas neste último poderán, ademais, beneficiarse de descontos nas escolas deportivas universitarias, en tendas de material deportivo e nos centros de fisioterapia e ximnasios colaboradores. Así mesmo, recibirán como agasallo de benvida un pulsímetro. Outra das novidades da nova convocatoria é a posibilidade de obter un crédito de libre elección, no caso de cumprir cos criterios establecidos de 30 horas de asistencia.
Pode consultarse información relativa a estes dous programas nos enlaces correspondentes das webs da vicerreitoría e da Área de Deporte e Saúde, ou chamando ao número de teléfono do Pavillón Universitario: 986802088.