DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha autoridade mundial biotoxinas mariñas

A proposta de nomeamento como Doutor Honoris Causa de Takeshi Yasumoto será abordada no Consello de Goberno do vindeiro luns

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/04/2009

A sesión ordinaria do Consello de Goberno que se celebrará o vindeiro luns,20 de abril, abordará na súa orde do día a proposta de nomeamento como Doutor Honoris Causa do doutor Takeshi Yasumoto. “É unha autoridade mundial en temas de biotoxinas mariñas”, sinala o director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria e ex reitor da Universidade de Vigo, José Antonio Rodríguez Vázquez, “con máis de 600 traballos de investigación realizados e máis dunha decena de distincións honoríficas”.
O nomeamento como Doutor Honoris Causa de Yasumoto, recoñece ademais a relación de traballo en común que desde hai máis de 25 anos manteñen o científico xaponés e o grupo de investigación que dirixe José Antonio Rodríguez Vázquez. “A carencia de metodoloxía analítica fiable que aplicar nas chamadas mareas vermellas, tan habituais en Galicia, fixo que entraramos en contacto do doutor Yasumoto, comezando así unha cooperación que se mantén desde hai anos”. Esta relación fixo que Yasumoto viaxara en varias ocasión a Galicia onde ten participado en congresos e seminarios sobre biotoxinas mariñas.
Nacido en Xapón en 1935, Yasumoto doutorouse en Bioquímica Mariña e impartiu clases nas universidades de Tokyo e Tohoku. Na actualidade é o director de investigación do Okinawa Science and Tecnólogy Promotion Centre.
A proposta de nomeamento de Yasumoto conta coa poio das tres facultades de Ciencias Experimentais e oito departamentos da Universidade de Vigo.

Outros asuntos do Consello de Goberno

A sesión ordinaria de Consello de Goberno tratará entre outros asuntos na súa sesión do luns, a aprobación do calendario do vindeiro curso académico, o encargo da preparación de propostas de títulos de grao para a súa implantación no curso 2010-2011, as axudas de investigación 2009 e a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos laboral e funcionario.