DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrouse este luns na pontevedresa Casa das Campás

A proposta de racionalización de estudos de posgrao centra o pleno do Consello Galego de Universidades

Na sesión tamén se aprobou unha nova organización para a Comisión Interuniversitaria Galega, CIUG

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 07/03/2011
O curso que ven non se poderán volver a ofertar mestrados cuxo promedio de alumnado nos cursos 2009-10/2010-11 non acadaran un mínimo de cinco alumnos e, no caso daqueles mestrados cuxa matrícula media neste período estea situada entre 6 e 9 alumnos deberán reformular o seu plano de estudos para axeitalo á demanda e mellorar así a súa captación de alumnado. Son algúns dos datos da proposta de racionalización de estudos de posgrao realizada pola Consellería de Educación, de xeito cohesionado coas tres universidades galegas, para o vindeiro curso e presentada esta mañá ao Consello Galego de Universidades, que nesta ocasión de celebrou na pontevedresa Casa das Campás e que contou coa participación do conselleiro, os tres reitores galegos, o secretario xeral de universidades, así como os presidentes dos consellos sociais, os representantes designados polo parlamento e o director da Axencia da Calidade do SUG.

Esta proposta vén derivada da necesidade de facer unha reflexión sobre a oferta que presenta o Sistema Universitario Galego, SUG, unha vez rematado o proceso de transformación das titulacións de posgrao e que ten como propósito a adecuación da oferta á demanda nestes estudos. Así, o pasado 3 de marzo, a Secretaría Xeral de Universidades mantivo un encontro coas respectivas vicerreitoras responsables desta área no que todas as partes estiveron de acordo coa necesidade de poñer orden na oferta e na conveniencia de fixar un límite mínimo de matriculados para oferta r unha titulación. Unha idea que, a xuízo do conselleiro, “continúa a idea citada no ‘Documento de Mejora’ publicado polo Ministerio de Educación en 2010”, no que se reitera a necesidade dun cambio no mapa de titulacións, evitando así excesos de oferta.

Nova organización da CIUG

A proposta do reitor da USC, Juan Casares Long, na sesión de hoxe tamén se aprobou a creación dun consorcio entre as tres universidades e a Consellería de Educación co obxectivo de lograr unha maior eficiencia da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG).
Coa nova organización a Consellería de Educación continuará a manter a aplicación informática e o persoal relacionado co desenvolvemento e posta en práctica da mesma, así como aquel encargado de traballos directamente relacionados co acceso. A colaboración entre o “consorcio interuniversitario” e a Consellería de Educación plasmarase nun convenio a asinar coa nova figura xurídica, polo que se delegarán nese consorcio as actuais competencias da CIUG, entre outras o procedemento de acceso e de incorporación de estudantes ao ensino universitario no SUG.

Docencia clínica

Noutro dos puntos da orde do día o Consello Galego de Universidades presentou tamén o proxecto de decreto polo se regula a comisión para a coordinación da docencia clínica en Galicia, un documento que terá como obxectivo dotar de cobertura xurídica a un órgano colexiado de carácter consultivo, que se adscribe á Consellería de Educación. Ademais, tamén se regula o funcionamento das comisións docentes nos hospitais que existirán, de feito xa están a funcionar, segundo subliñaron dende a Consellaría, en cada centro sanitario ou xerencia integrada que colabore coa docencia clínica dos graos en Ciencias da Saúde.

Financiamento

No CGU tamén se deu conta do grupo de traballo dentro do Plan de Financiamento 2011-2015, creado no mes de febreiro, no que se recollen as medidas e obxectivos internos para acadar cada unha delas nos anos 2011, 2012 e 2013. O obxectivo deste grupo de traballo é elaborar anualmente un informe, que elevará á Comisión de Seguimento do Plan, no que se proporán 10 medidas de racionalización do gasto e de mellora na eficiencia na xestión para o SUG.