DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elaboradas polo enxeñeiro vigués Alberto Moreno e o estudo Gráfica-Desing

Propostas de carácter escultórico e tipográfico comparten o premio do concurso internacional de ideas para o logotipo da Universidade de Vigo

O xurado internacional seleccionounas entre máis de 600 propostas recibidas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 14/11/2008

Unha malla de construción coa forma das iniciais da Universidade de Vigo e unha proposta de carácter tipográfico que salva a cacofonía ocasionada pola duplicidade da sílaba “de”, foron de entre as máis de 600 propostas recibidas, as seleccionadas polo xurado internacional encargado de outorgar o premio do concurso internacional de ideas para o logotipo da Universidade de Vigo.
Ao tratarse dun concurso aberto no que, como o sinalou o reitor, Alberto Gago “buscabamos ideas que non se sabe onde están e poden xurdir en calquera ámbito”, foi posible que as propostas gañadoras procedan, unha, do ámbito do deseño profesional e outra de fóra del. Este é caso da idea presentada polo enxeñeiro de camiños vigués, Alberto Moreno Pike que deseñou unha malla de construcción coas iniciais da Universidade e na que o xurado valorou, segundo explicou Fernando Suárez, director da Área de Imaxe, “o seu carácter escultórico, expansivo e evolutivo, posibilitador de movemento, transformación e xerador de novas formas; características e valores que reflicte a propia Universidade”. No caso desta proposta valorouse,tamén a súa capacidade de xerar imaxes en movemento que os novos medios dixitais propician, unha cuestión sobre a que o reitor, Alberto Gago, puxo o acento, “xa que”, dixo, “o logo que se deseñe debe ser útil nos media”.
Da proposta de carácter tipográfico elaborada polo estudo Gráfica Design o xurado presidido por Lluis Morón, director xeral da Fundación Signes, valorou, segundo Fernándo Súarez “ que dentro das propostas que partían da base da contracción de UniversidadeVigo, nesta o desprazamento da sílaba “de” provoca unha marca con gran forza visual”. Ademais o feito de manter no logotipo o termo completo de Universidade posibilita, segundo valorou o xurado, o seu coñecemento en calquera idioma, solucionando o problema ocasionado polas siglas cando estas saen do entorno no que son coñecidas.

Máis de 600 ideas para un só logotipo

Máis de 600 propostas presentáronse ao concurso dotado cun premio de 12000 euros, resultando 34 delas seleccionadas nunha primeira avaliación realizada polo xurado, que finalmente optou por premiar ás ideas elaboradas por Alberto Moreno e os deseñadores de Gráfica Design, Pablo Martín e Oscar Germade. Ambas propostas serán sobre as que traballarán as empresas que serán designadas, nun concurso restrinxido, para desenvolver o logotipo que se prevé estará finalizado no mes de marzo ou abril.
Sobre o resultado final, Gago e Suárez coincidiron en manifestar o seu convencemento en que “a mestura de ambos pode funcionar ben”, asegura o reitor , ao que o director da Área de Imaxe engade que “nos satisface a unión de ambas cousas que cremos pode resultar”.

A sorpresa do profesional e a confianza do nobel

De “milagro” cualifica Pablo Martín que o deseño que elaborou xunto a Oscar Germade, fose un dos dous seleccionados polo xurado do concurso. Pablo Martín que desenvolve a súa actividade no prestixioso estudo barcelonés Gráfica Design, asegura que foi a insistencia de Oscar, natural de A Coruña, a que logrou vencer o seu rexeitamento a presentarse a concursos. “Non me gusta participar por que as opinións dos membros dos xurados non son moi previsibles. Sen embargo neste caso o feito de que formasen parte do xurado Luis Morón ou xente da Saint Martins, considero que era unha garantía”.
Sobre a proposta gañadora, Martín explica que “aproveitamos unha característica tipográfica única do galego como é o de final da palabra Universidade, que nos permitiu evitar a duplicidade que se producía con de Vigo”. Esta proposta na que “a cuestion da lingua é clave” e que vai na liña de reproducir un elemento tipográfico característico é ademais, segundo Martín “unha solución feita á medida da Universidade de Vigo”.
Pola súa banda, Alberto Moreno asegura que “lendo as bases foise formando a idea que logo desenvolvín e que trata de expresar todo, co mínimo posible”. Para este enxeñeiro de caminos de Vigo a súa proposta “iba a gañar por que fixen un bo traballo” e non descarta que a súa trayectoria profesional poda tomar un novo rumbo máis orientado cara a o deseño, “unha actividade que sempre me gustou, pero a que non me dedico de xeito profesional”.
Sobre o feito de que o deseño dun vigués fose seleccionado para desenvolver o logo da Universidade de Vigo, Alberto Moreno amósase contundente, “gústame que o traballo seleccionado sexa de alguén de Vigo”, asegura.