DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O evento prolongarase ata o sábado con máis de 400 participantes de seis países

As propostas galegas e brasileiras de fomento da actividade física abren o III Congreso de Ciencias do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 06/05/2010

Tratar o deporte como a forma máis sobranceira de saúde, que contribúe ao desenvolvemento integral das persoas, á mellora da calidade de vida e á cohesión social é o obxectivo do III Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e Educación Física e así o salientou na súa inauguración o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O evento, que congrega a máis de 400 profesionais deportivos, prolongarase ata o sábado no Pazo da Cultura como unha “cita imprescindible para suplir unha investigación escasa e dar un salto cualitativo na área do coñecemento deportivo”, tal e como salientou Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra. Na súa opinión, “é preciso mudar o modelo de I+D+i cara a un con máis visión de futuro”, ao que considera que contribúen actividades como esta.
Pola súa parte, Víctor Arufe, director do comité organizador, repasou os datos das edicións anteriores para poñer de relevo o crecemento do congreso “como o mellor evento estatal en participación e calidade científica, referente para profesores, profesionais e estudantes”.

Iniciación libre e variada, a filosofía brasileira

A presentación de máis de 200 investigacións, 13 conferencias maxistrais e 12 cursos de especialización reúnen no congreso a relatores de seis países: España, Portugal, Colombia, México, Estados Unidos e Brasil. Abriu as presenza internacional Amauri Oliveira, representante do Ministerio de Deporte do Brasil, que explicou os programas de iniciación deportiva promovidos polo goberno brasileiro.
Brasil non é unha excepción e o 60% da súa poboación é sedentaria. Fronte a isto o goberno apunta á educación. “Temos unha estrutura que atenden a tres aspectos: o lecer, a educación deportiva e o alto rendemento”, destacou Amauri Oliveira. Explicou que o seu obxectivo é promover no ensino unha iniciación estimulado ao alumnado a unha práctica libre. “Trátase do que denominamos núcleo de deporte de base, intermediario entre a iniciación xeral e a de alto rendemento”, engadiu. A súa filosofía consiste en atender á diversidade cunha oferta variada, pois non lles gusta a iniciación profesional precoz. Ademais, pensan que hai que atender aos novos deportes, como o skate ou os deportes de rismo, e non quedar só no tradicional. Cunha vertente máis social, puxeron en marcha o programa Segundo Tempo, que achega o deporte aos nenos en situación de risco ou vulnerabilidade social.

“A obesidade non doe, pero mata”

José Ramón Lete, director xeral para o Deporte, foi o encargado de impartir a conferencia inaugural, na que presentou Galicia Saudable, o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física. Destacou a vertente sociosanitaria deste programa, á par da súa dimensión sociocultural, educativa e económica. Fundamentou a súa urxencia nos “alarmantes” datos sobre sedentarismo e obesidade, pois nos últimos anos en Galicia triplicouse o número de nenos con sobrepeso e duplicouse o de adultos. “As estatísticas din que o 30% dos nenos e o 55% dos adultos son obesos, 8 e 4 puntos por riba da media española, respectivamente”, asegurou. Así mesmo, cifrou o índice de sedentarismo nun 63%. “Na nosa xeración saiamos á rúa para xogar ao fútbol, pero os nenos de hoxe prefiren xogar con Messi ou Cristiano Ronaldo na play”, lamentou, ao que engadiu que “a obesidade non doe pero mata”.
Para paliar isto Galicia Saudable pretende implicar a todas as consellarías e todos os municipios co fin de fomentar a vida activa de xeito integral, creando espazos públicos saudables, promovendo o ciclismo e a camiñada, recuperando a dieta atlántica, incentivando as empresas saudables ou estendendo a formación deportiva. Lete asegura que cada euro investido en deporte, supón tres de aforro en sanidade.