DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe e maña na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

Do prospecto para cegos ao teléfono de emerxencias para xordos

TICs e prestación de servizos a persoas con discapacidade centran as xornadas de e-Accesibilidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 21/06/2010

Un dicionario de signos para o móbil, un prospecto de medicamento accesible tamén ás persoas cegas, un teléfono de emerxencias ao que poidan acceder os xordos... son algúns dos temas que ao longo do día de hoxe e mañá se están a tratar nas Xornadas de e-Accesibilidade: Promocionando a autonomía persoal, que acolle a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o primeiro evento destas características que se organiza en Galicia.
Co obxectivo de facer diferentes achegas sobre cómo as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións poden ser un elemento esencial para promover unha vida máis independente en colectivos de persoas con discapacidade, “o encontro dará tamén a oportunidade de analizar como servizos do tipo da teleasistencia, a videoatención ou o telecoidado poden contribuír a acadar obxectivos dunha maior autonomía persoal destes colectivos”, subliñou na inauguración do encontro o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, no seu primeiro acto oficial como vicerreitor. “Comezo nun acto que é un bo exemplo da actitude da Universidade perante un dos que consideramos principais desafíos para a nosa institución”, salientou en referencia a promoción dunha Universidade “aberta e comprometida coa súa sociedade, sensible ás necesidades reais da cidadanía e que valora o beneficio social das súas actividades”.

Porta aberta a novas edicións

Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone España, entidade coorganizadora do encontro, fixo fincapé na inauguración nos fortes lazos de colaboración, “que xa veñen de moi antigo”, entre a fundación que dirixe e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. “A investigación en temas de axuda a discapacitados é un interese común para ambos”, incidiu, ao tempo que subliñou a súa intención de que as xornadas sexan “simplemente” as primeiras dunha serie que se prolonguen nos anos. Insistindo en que as cousas que se fan para un colectivo determinado acaban sendo útiles para o conxunto da poboación, subliñou o feito de “a día de hoxe temos unha tecnoloxía moi poderosa, prezos reducidos e unha gran oportunidade de desenvolver moitas cousas para facilitar a vida destas persoas”, insistiu.
Xunto a Fernández Iglesias e Santiago Moreno, participaron tamén na inauguración a directora da escola, Edita de Lorenzo, e o subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información da Xunta de Galicia, Cristobal Varela que, entre outras accións que está a levar a cabo o executivo galego, destacou o Plan Integral de Atención ás persoas con discapacidade “que será presentado en vindeiras semanas”.

Tradución simultánea para xordos

Esta actividade, na que intervirán un total de 14 poñentes con tradución simultánea a linguaxe de xordos, conta coa participación de numerosas persoas que por traballo ou relación persoal teñen que ver con problemas de discapacidade (auditiva, visual, motora, ...) ou con asistencia a persoas maiores. Nas mesas redondas da mañá centráronse na prestación de servizos a persoas xordas e con discapacidade auditiva, mentres que pola tarde se centrarán en temas de discapacidade visual, na primeira mesa redonda, e teleasistencia, videoatención e telecoidado, na segunda.
Mañá martes o eixe central será a Universidade, primeiro coa participación de investigadores de diferentes grupos de investigación da escola,que exporán os traballos que se están a levar a cabo neste eido (axuda a dependentes no fogar, radiolocalización para maiores e contornas de teleasistencia) e, logo, unha mesa redonda sobre Universidade e Accesibilidade. Posteriormente clausurarán o encontro, o reitor, Salustiano Mato; a conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato; a concelleira de Benestar Social, María Méndez e o director Territorial Noroeste de Vodafone, Juan José De Santiago.