DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo as conclusións da reunión da Rede Temática Nacional Feugored

Un protocolo que identifique zonas críticas e sensibles permitiría protexer e restaurar ecosistemas queimados

Os investigadores avogan por actuacións conxuntas de científicos, xestores e propietarios do terreo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 15/10/2010
M. Del Río | Vigo
Os incendios forestais provocan, ademais das consecuencias evidentes a curto prazo, danos irreversibles como a erosión post-incendio que implican problema graves nos recursos hídricos, inundacións e contaminación da auga. A Rede Temática Nacional Feugored traballa no estudo dos efectos dos incendios forestais nos solos para avanzar tanto na protección como na restauración das zonas afectadas. Da xuntanza anual celebrada hai uns días en Santiago de Compostela veñen de facerse públicas as conclusións, que segundo explica a profesora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, Elena Benito, se centran en tres eixos fundamentais. Por unha banda, o cento de científicos e científicas de universidades españolas e centros de investigación, entre os que se atopa o Grupo de degradación e erosión de solos da Universidade, salientan a necesidade do traballo conxunto da comunidade investigadora cos xestores, propietarios e usuarios do terreo para poder compartir e intercambiar coñecementos e experiencias e apunta unha necesidade básica, a dun protocolo de actuación. “É necesario a elaboración dun plan deste tipo que permita identificar as zonas críticas e sensibles para tomar as medidas oportunas de cara á protección do solo e restauración de ecosistemas afectados por incendios forestais que minimicen o dano causado polo lume”, explican dende o Comité Organizador.

A estas dúas consideración, os investigadores e investigadores engaden outra que consideran de relevancia, como é a valoración positiva que fan da medidas de actuación de emerxencia de protección do solo conta a erosión provocada polos incendios que xa puxeron en marcha comunidades autónomas como Galicia ou Andalucía, “que son resultado da colaboración entre científicos e xestores”.

A importancia de previr e de recuperar

A pesar das necesarias políticas de protección, dende Fuegored avogan por traballar tamén na xestión e recuperación dos terreos queimados, afectados pola destrución da vexetación e a degradación do chan, feitos que afectan ao crecemento da flora e favorecendo a erosión que pode derivar cara a desertización ou ao afloramento da roca. Alertan de que isto pode producir dramáticas consecuencias “na produción de enerxía, madeira ou alimentos” e influír na regulación das augas e conservación da biodiversidade. Por isto, a rede aposta por unha loita integral contra os incendios, con dúas frontes: a prevención e a protección do terreo xa afectado. Neste sentido salientan tamén a necesidade de cooperación entre institucións e organismos sobre todo de diferentes países, “pola particularidade do problema que se presenta”.

Desta terceira xuntanza da rede extraéronse outras medidas que os participantes consideran necesarias para atallar o problema como a adopción de actuacións de emerxencia antes da chegada das primeiras chuvias así como medidas específicas para protexer espazos fráxiles como os fluviais e os recursos hídricos. Ademais, atendendo ás causas socioeconómicas que se atopan detrás das vagas de incendios, os expertos auguran a persistencia deste fenómeno polo que recomendan ás autoridades “medidas que persistan no tempo” e o establecemento de partidas orzamentarias para a aplicación de medidas de emerxencia.

Con todo, a valoración positiva que fan de algunhas das medidas adoptadas ata agora en algunhas comunidades autónomas “recomendan seguir esta liña de traballo, resultado da colaboración entre científicos e xestores”.