DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sábado 29 terá lugar un novo roteiro cultural

A provincia de Lugo, escenario da “rota do ferro”

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Marta Casanova DUVI 28/03/2008

No treito final dos roteiros culturais do curso 2007/ 2008, os participantes sairán da provincia de Ourense para realizar a chamada “rota do ferro e dos balnearios” por terras lucenses. Será o sábado 29 de marzo. O comezo da etapa terá lugar no pobo de A Cruz de Incio, un lugar, segundo o responsable da actividade, Willy García-Calvo, “moi pintoresco e coñecido polas súas características especiais”. A través dos 16 quilómetros dos que consta o percorrido, os camiñantes coñecerán tamén Hospital e San Pedro de Incio, para rematar en A Ferreiría, onde visitarán o balneario de augas ferruxinosas que está ser rehabilitado “e que ten grandes beneficios para a saúde”.
A etapa está cualificada cunha dificultade media-alta porque consta “dunha primeira parte de aproximadamente oito quilómetros por terreo chairo que dá paso a un forte desnivel de grao seis durante tres quilómetros, para, unha vez acadada a cota máxima, descender ata o final do itinerario” dixo o organizador. Puntualizou, ademais, que “a xente está moi ben preparada, a maioría fan uns catro roteiros ao ano e xa teñen fondo físico pero de todos os xeitos, ninguén ten que asustarse porque a nosa filosofía é ir sempre ao ritmo do máis lento do grupo” dixo. Froito diso, o número de participantes non deixa de medrar, “estamos desbordados, xa superamos os 75 e temos que levar dous autobuses, polo que é a actividade con máis participantes de toda a Universidade de Vigo. Ademais, cada vez temos máis alumnos Erasmus que aproveitan este xeito de coñecer Galicia” explicou García-Calvo.

Recomendacións para os participantes

Como nos anteriores roteiros, os participantes sairán ás 9.00 horas do Edificio de Ferro do campus. Os procedentes de Pontevedra e Vigo tomarán na rúa Areal desta última cidade ás 7.45 horas o autobús que os levará ata Ourense. A etapa está prevista que remate ás 15.00 horas, polo que, despois de comer, volverase ao campus ao redor das 17.00 horas.
En canto ás recomendacións, é imprescindible levar calzado axeitado para camiñar e roupa cómoda, ademais dunha muda e de auga e comida. A previsión meteorolóxica anuncia bo tempo polo que cómpre substituír o chuvasqueiro por unha viseira para protexerse do sol.