DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora do grupo Netec, Teresa Caneda, organizou unha homenaxe ao 'Ulises' de Joyce

Unha proxección e unha conversa conmemoraron hoxe na FFT o centenario ‘do artefacto literario moderno por excelencia’ 

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
DUVI 01/12/2022

“O Ulises é unha novela que troca os heroes tradicionais por protagonistas profundamente vulnerables que existen nun mundo de precariedade social e persoal. Nunha novela que se centra nun día en Dublín en 1904, cabería esperar que os personaxes fosen os típicos dublineses ‘normais’ pero Joyce opta por caracterizalos a través de trazos físicos que revelan as súas orixes estranxeiras e polos seus comportamentos non normativos”, explica a docente e investigadora do grupo Netec da UVigo, Teresa Caneda, organizadora da conmemoración do centenario da obra de James Joyce, que este mediodía se celebrou na Facultade de Filoloxía e Tradución. Tras participar en congresos, homenaxes, conferencias e números especiais sobre os cen anos da publicación de Ulises, Caneda organizou este xoves a proxección do filme de Ruán Magan O Ulises de James Joyce: Cen anos dunha obra mestra, “un filme de carácter documental, no que participan algunhas das voces críticas máis autorizadas que tivemos a fortuna de recibir na FFT hai anos”, explica a investigadora principal dun proxecto de Estudos Irlandeses sobre a representación da vulnerabilidade na cultura contemporánea. 

Na conversa posterior co público asistente á proxección, Caneda destacou que é moi típico referirse á novela de Joyce como unha obra que alterou o rumbo da literatura moderna “e que supuxo unha verdadeira revolución na traxectoria da literatura occidental do  século XX porque sacudiu os fundamentos estéticos e formais da narrativa europea e tamén cuestionou os fundamentos morais do seu tempo”. Para a docente e investigadora da FFT a revolución que supuxo o Ulises e a súa influencia seguen vivas no só na nosa arte actual, “senón que as reflexións que as lectoras e lectores de hoxe poden extraer da novela teñen plena vixencia ante acontecementos de actualidade que recordan a propia actualidade do autor irlandés”. Neste sentido, Caneda lembra que, exiliado desde comezos de século en Trieste, Joyce veuse obrigado a fuxir coa súa familia cando estalou a I Guerra Mundial e tivo que buscar refuxio na cidade neutral de Zúrich, entre 1915-1920, onde pasou os anos de pandemia que azoutou Europa en 1918, escribindo unha grande parte do Ulises baixo a condición de cidadán desprazado como refuxiado de guerra. 

Un exercicio supremo de transgresión e liberación

Desde a súa publicación en París o 2 de febreiro de 1922,o Ulises, que tivo defensores e detractores incluso antes, porque comezara a aparecer por capítulos na Little Review de Chicago ata que foi censurada por obscena e prohibida polas autoridades xudiciais norteamericanas, converteuse nunha das novelas máis estudadas, máis comentadas e máis traducidas do século XX. “Neste ano que remata, no que estivemos a celebrar o centenario da publicación do que eu chamaría ‘o artefacto literario moderno por excelencia’ puidemos comprobar a grande repercusión da novela ao longo do tempo”, sinala Teresa Caneda, que lembra que a obra de Joyce saíu á luz grazas ao apoio que o escritor irlandés recibiu por parte de mulleres como activista sufraxista Harriet Shaw Weaver ou a libreira Sylvia Beach e a súa compañeira Adrienne Monier. “O Ulises, que remata co famoso ‘si’ da protagonista feminina, segue a recordarnos hoxe que a lectura é un exercicio supremo de transgresión e liberación”, asegura Caneda.