DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O pase será este xoves na aula magna da Facultade de Dereito

A proxección da película "O Intercambio" clausura o ciclo Pensar o Cine

Intervirá o presidente da Audiencia Provincial cun relatorio sobre verdade e xustiza

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 01/06/2010
O Intercambio é unha película dirixida por Clint Eastwood no ano 2008 e protagonizada por Angelina Jolie e John Malkovich. O filme, ambientado en Los Ángeles en 1928, está baseado nun feito real e conta a historia dunha nai solteira, Christine Collins (Angelina Jolie) que traballa como supervisora nunha central telefónica e que sofre a desaparición do seu fillo Walter, de 9 anos. Cinco meses despois a policía local entrégalle un neno, pero ela asegura que non é o seu fillo. A película da conta dos asasinatos da granxa de Wineville que incluían a desaparición e o intercambio de nenos.
O filme proxectarase este xoves, ás 19.00 horas, na aula magna da Facultade de Dereito e no transcurso dun acto no que intervirá tamén Fernando Alañón Olmedo, presidente da Audiencia Provincial de Ourense, cun relatorio sobre a verdade e a xustiza que dará paso a un coloquio posterior. O encontro porá fin ao ciclo Pensar o Cine, unha actividade organizada pola área de Filosofía do Dereito que se desenvolveu ao longo do curso académico cunha serie de pases cinematográficos comentados por especialistas nas distintas temáticas das obras, dende a xustiza e a vinganza ata o cambio climático, a violencia e a guerra contra o terrorismo, entre outras.

Un ciclo que conta con 150 persoas inscritas

Nesta segunda edición o ciclo Pensar o Cine dedica as súas proxeccións e relatorios aos dereitos humanos. Na actividade participan un total de 150 persoas que gozan co pase de películas atractivas non só polo seu contido visual senón tamén pola súa capacidade de desenvolver a conciencia crítica do espectador. Un exemplo é o filme Sen Perdón, dirixida por Clin Eastwood no ano 1992 e que propón para o debate temas como a xustiza e a vinganza dos que falou o profesor Javier de Lucas Martín, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Valencia, na primeira sesión do ciclo.
Outros filmes proxectados na actividade foron o documental Unha verdade incómoda, A batalla de Argel, Nove semanas e media e O Bosque.