DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a toda a comunidade universitaria

O proxecto "Actívate" estimula a práctica deportiva de cara a unha vida saudable

A mostra, que percorrerá os tres campus, recalará en Vigo os días 13 e 14 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 10/10/2008

Difundir e potenciar a práctica da actividade física entre a comunidade universitaria é o obxectivo do proxecto Actívate, unha iniciativa que, con carácter itinerante, percorrerá os tres campus da Universidade. “Queremos contextualizar a actividade física nunha dimensión distinta da competitiva para achegalo a todo o mundo”, segundo palabras de Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes. Para isto, os stands recalarán os días 13 e 14 na zona comercial de Vigo, o 15 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra e, por último, o pavillón universitario de Ourense acollerá os expositores o 16 deste mes.
Todos aqueles que se acheguen á mostra poderán coñecer a extensa oferta que o servizos deportivos da Universidade teñen programada para o presente curso. “Ofrecemos a posibilidade de realizar exercicio físico de xeito regular cun catálogo adaptado a todas as necesidades”, tal como comenta Diego Alonso, técnico do Servizo de Deportes, que engade que “para que non teñan escusas de ningún tipo, os participantes serán invitados a probar de balde diferentes actividades de iniciación como aeróbic, bádminton, escalada, aquaeróbic ou rutas en bicicleta”.

O deporte como parte dunha vida saudable

Outra das finalidades desta mostra, organizada pola Dirección Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego en colaboración coas tres universidades da nosa comunidade, é “sensibilizar sobre o estado físico para coñecer as carencias e tratar de palialas”, explica Mª Xesús López Escudeiro, delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte, que engade que “o resultado será unha mellora na saúde e na calidade de vida”
Para isto, mediante unhas sinxelas probas, os interesados poderán coñecer de forma rápida como é a súa condición física saudable en función da súa composición corporal, forza, flexiblidade, equilibrio e capacidade respiratoria. Tendo en conta os resultados obtidos, recibirán asesoramento por parte dun grupo de profesionais do ámbito da saúde e da medicina deportiva, que “determinará a práctica deportiva máis axeitada para manter e mellorar a saúde”, segundo Alonso. Un incremento da condición física axudará a previr numerosas enfermidades e usar o corpo dun xeito óptica para as accións da vida diaria.
A modo de incentivo para achegarse ata os stands, os participantes neste actividade recibirán unha camiseta como agasallo e participarán no sorteo dun IPOD.